Opinión

Carta aberta ao PP

Señores dirixentes do Partido Popular:

Cando, a principios do pasado mes de xuño, tiven oportunidade de asistir ó desenvolvemento dunha comisión de cultura no Congreso dos Deputados con motivo da defensa dunha Proposición Non de Lei presentada pola deputada ourensá da súa formación política, Ana Belén Vázquez, a resultas dunha iniciativa da que fun relator no marco da Asociación de Casas Museo e Fundacións de Escritores, como foi o da proposta de declaración dun Día das Linguas Ibéricas; ademais da profunda emoción que sentín por escoitar falar na cerna do debate político do Estado -aínda que fose dun xeito simbólico-, da diversidade lingüística da península ibérica e das illas que a complementan, así como de iberismo como concepto sociopolítico, resultoume especialmente significativo un fragmento da intervención do representante do Partido Nacionalista Vasco naquela comisión, Joseba Andoni Eguirretxea.

Dende un posicionamento crítico constructivo respecto da proposición e dun entendible excepticismo dende a súa perspectiva, por entender insuficiente que a proposta fose presentada tan só dende o ámbito simbólico cultural, obviando o debate político, o deputado nacionalista vasco -pódese escoitar no diario de sesións- afirmou que, en todo caso, "...me alegro de que el Partido Popular tenga en Galicia esa posición", engadindo que lle gustaría que tamén "la tuviera en Euskadi, por ejemplo", rematando a súa intervención coa seguinte aseveración: "En cualquier caso, admiro que algunos partidos -referíndose loxicamente ó PP- en algunas Comunidades tengan una posición que en otras no tienen".

Fago este detido limiar ó fío dos graves e indefinidos acontecementos que están tendo lugar durante estas últimas semanas en Cataluña e nos que esa formación está tendo tanto protagonismo, tal e como lle corresponde, por ser o partido que se atopa nestes intres á fronte do Goberno do Estado.

É evidente que unha vez pase a treboada -que dun xeito ou doutro, inexorablemente, terá que pasar-, haberá un antes e un despois para todos, pobo incluído, e dentro do pobo, as formacións políticas que nos representan por todo o espectro electoral. Un punto de inflexión que nos terá que facer reflexionar -individual e colectivamente- ata un grao de profundidade ó que probablemente non teñamos chegado nunca dende os tempos abrentes da Transición.

Pois ben, nese proceso reflexivamente revisionista que todos teremos que realizar -formemos parte ou non, como é o meu caso, dalgunha formación-, eu pediríalles que relesen con tino as palabras do deputado vasco, porque, malia seren breves en extensión, son profundas no seu contido político e posiblemente lles poida dar unha explicación á pregunta de, por que sendo partido hexemónico nas Comunidades monolingües, non pasan de ser unha forza testemuñal nas Comunidades bilingües, agás en Galicia. Se cadra, comezar por asumir, sinceramente e sen subterfuxios, a diversidade lingüística e cultural do país e non entendela coma unha afronta permanente ó seu ideario político, seríalles un primeiro gran paso que nos axudaría a abrir moitas portas para a nosa común e cordial convivencia.

Te puede interesar