Opinión

Casas abandonadas

Non crea que cada tarde que saio a pasear co Quino (é o meu can) e paso a carón de cada unha delas (algunha moi ligada á memoria da miña infancia) non o teño pensado con frecuencia.

Tanto para iniciar a andaina como para rematala, vaia por onde vaia non podo evitar contemplar algunha ou algún grupo delas en completa ruína.
É máis, se fose máis metódico nos meus rexistros cotiáns e dende que vivo nos Quintairos -vai xa para 13 anos- me tivera dedicado a realizar algunhas fotografías de cando en vez e rexistrar a súa paseniña degradación arquitectónica nun diario escrito, arestora tería nas miñas mans un traballo certamente gráfico, ó mesmo tempo que desolador.

Onte lin no portal "historiadegalicia.gal" unha información titulada coa seguinte pregunta: "Un ficheiro de casas abandonadas, unha solución para darlle vida ó rural? E ó lela e ver que na mesma avogan pola elaboración dun rexistro cos inmobles deshabitados e as parcelas non aproveitadas nas comarcas da Limia e de Monterrei, entendín que era o momento de sacar do ámbito da reflexión persoal a problemática que vou testemuñando cada día con cada tella que aterra ou cada corredor que se esborralla e pasar á acción, tratando facer o que sempre pensei que se debería facer e nunca optei por arrimar o ombreiro.

Os promotores da iniciativa, no caso destas dúas comarcas, son os centros de desenvolvemento rural do Viso e de Portas Abertas e enmarcan o mesmo nun programa estatal de sensibilización e concienciación sobre a despoboación e o avenllentamento rural que coordinan dende a Confederación de Centros de Desenvolvemento Rural a nivel estatal.

Unha vez máis, a iniciativa está inspirada naquel famoso Banco de Terras que o bipartito non foi quen de desenvolver por falta de tempo e o goberno actual da Xunta non é quen de acometer coa enerxía e os medios humanos e económicos necesarios, supoño que por ese proído que dá o temor a que poida ser que funcione e os deixe quedar en evidencia.

Non coñezo persoalmente ó actual conselleiro de Medio Rural e, polo tanto, non podo emitir un xuízo con certo criterio sobre a súa actuación, aínda recente, á fronte de tan importante departamento para o futuro do noso medio.

Pero, se por un casual le esta columna, debería tardar minuto e medio en levantar o teléfono e contactar cos responsables desta iniciativa, co fin de que non sexan só as comarcas devanditas as que afronten tan imprescindible acometida como é a de deseñar un macro-portal (que non sei eu que o haxa) que sexa referente para toda aquela persoa que teña o máis mínimo devezo de procurar un futuro alén das grandes concentracións humanas nas que, cando tal, xa non se pode nin respirar. E, de paso, que inste ó Parlamento para que se poñan de vez a lexislar.

Te puede interesar