Opinión

Cen anos de... Vilavidal

Agora que felizmente se despexou a incógnita da celebración do festival de cine de Ourense, por máis que polas circunstancias precedentes, deba ser unha versión reducida, leo no xornal de hoxe (onte, para vostede) a presentación dos actos de conmemoración do centenario da fundación dunha localidade denominada Vilavidal, no termo municipal de Ramirás, moi cercana para os que habitamos as chamadas Terras de Celanova.

Vilavidal, coma tantas outras localidades de menor a maior tamaño ou de menor a maior historia, xurdiu por mor da súa situación máis ou menos estratéxica no medio dunha vía de comunicación, neste caso a estrada que comunicaba -e aínda comunica- Celanova coa Cañiza, é dicir, a comarcal 531, por onde nalgún momento do século XIX chegou a ser contemplada a posibilidade de trazar o tren de Zamora a Vigo e por onde debeu ser construída hai algunhas décadas a autovía A-52, que neste caso enlaza Benavente e a cidade olívica.

Supoño que outro galo nos cantaría ós habitantes destas terras suroccidentais da provincia se as decisións políticas que hoxe fan que o AVE vaia a Santiago denantes de ver o mar e as Illas Cíes, tomasen unha decisión tan transcendente en ámbolos dous casos.

Pero iso non aconteceu e de pouco vale flaxelarse con miradas imposibles cara un pasado que xa non pode resetearse.

Velaí os parabéns para os pais da idea de tan redonda celebración, porque con este tipo de conmemoracións sempre se acaba promovendo un impulso de reafirmación tan necesario para esta especie de Macondo comarcal que son estes municipios arraianos, que non desexan -pero cara aí camiñan- verse abocados a se transformaren no desértico Comala de Pedro Páramo e Juan Rulfo.

E xa que falo de literatura e cine, que ámbalas dúas se dan nas referencias anteriores, explicareille -benquerido lector- por que os humildes pero reafirmantes actos do centenario de Vilavidal me levaron a pensar no cine, máis alá de que dous dos seus habitantes, Marina Baura e José Sousa, formen parte da historia do cine de Venezuela.

Relacionei o cine e Vilavidal porque, ademais da riqueza industrial e comercial da que aínda quedan algunhas mostras coma o aserradeiro dos Mosquera, a licoreira Peninsular ou a panificadora Alén, permanece medio escondido, pero a carón da estrada, un edificio no que non deixo de reparar cada vez que me encamiño a Vigo ou volvo de regreso.

É o "Cine Montero" (así permanece aínda hoxe co nome sobre o frontón típico dunha sala de cine do século XX e un respiradeiro circular por baixo), unha rareza insólita no mundo rural que afortunadamente permanece en pé e que se eu fose un dos seus habitantes trataría de conciencia ó resto da veciñanza para promover a súa restauración como local social –e como cine-, para orgullo local e envexa do todos aqueles lugares da provincia que hoxe soamente teñen memoria –ou algunha foto- de que algún día tiveron cine.

Te puede interesar