A COCIÑA DE CELANOVA E A BAIXA LIMIA

A COCIÑA DE CELANOVA E A BAIXA LIMIA

Cando ía poñerme a escribir sobre o pasado, o presente e o futuro da cociña da Baixa Limia e de Celanova (algún día haberá que cavilar un nome co que definir turisticamente este territorio único) tomando como desculpa a celebración do 80 aniversario da apertura do restaurante Lusitano de Lobios ?que terá lugar mañá, segundo me comenta o seu propietario Javier- chégame unha nota de prensa do Grupo Hostelería e Turismo que me informa de que entre os oito seleccionados para a próxima edición do Campionato Galego de Cociñeiros Profesionais está incluído Javier Méndez Álvarez, que é un mozo que dende hai preto de dous anos está a consolidar unha oferta gastronómica personalizada no restaurante A Torre de Vilanova dos Infantes e que se presentou á convocatoria contando co asesoramento, curiosamente doutro Javier, neste caso o coñecido propietario da Rexidora de Bentraces.


Sirva, pois, a coincidencia nominativa destes tres 'javieres' que formando parte -no tocante ós seus locais- do pasado e do presente da gastronomía -poñamos que da N-540-, están chamados a lideraren (xunto con un cuarto Javier, o cociñeiro da Rectoral de Ansemil, e outros profesionais que sería prolixo relacionar aquí) o futuro da gastronomía dunha terra que ten todo por dicir no campo do turismo e que aínda que moita xente non o saiba conta cunha referencia nunca reivindicada e que pasa por ser un dos máis coñecidos da gastronomía galega, como foi Manuel Puga e Parga 'O Picadillo', autor de, entre outros referentes gastronómico-literarios, 'La cocina práctica' ou '36 formas de guisar el bacalao'.


Non en van ?se as anotacións que eu teño non me fallan- 'O Picadillo' era fillo de Luciano Puga (coñecido por ser quen defendeu e logrou a absolución de Curros Enríquez na Coruña), que era natural de Proente (A Merca), aínda que toda a súa vida profesional e política tivera como centro neurálxico Santiago de Compostela, onde disque naceu 'O Picadillo'.


Velaí como a conmemoración do 80 aniversario dunha casa de comidas como é a do Lusitano me vai servir a min para afirmar que entre a vella e a nova cociña, é dicir, entre o Lusitano de Lobios e a Torre de Vilanova dos Infantes, hai dúas comarcas que teñen que empezar a sentirse dunha vez por todas unha soa bisbarra turística que ha ter na 'cociña práctica' que predicou 'O Picadillo' un dos piares fundamentais do seu futuro turístico. Que isto non sexa unha simple ilusión miña depende de moitas cousas, pero fundamentalmente depende de que eles crean que non só non é unha quimera, senón que é perfectamente factible.