Opinión

Comer, Xantar, mejar, jan, almoçar,....

Por cuestións alleas á miña vontade levo dous ou tres anos que non teño tido vagar de me achegar algún día a un evento que, coma tantos ourensáns -entre os que seguramente está vostede mesmo, benquerido lector-, temos visto crecer e facerse maior de idade dende que andou os primeiros pasos.

Este ano, lamentándoo ben, dáme que tampouco vou ter oportunidade de degustar algún dos diversos menús que nos amosan a riqueza gastronómica de lugares de aquí e de acolá e ademais adoitan serviren como desculpa para reencontrarse con amigos e coñecidos ós que a veces soamente ve un unha vez ó ano.

Iso non obsta, sen embargo, para que coñeza a groso modo algúns dos pormenores da evolución deste evento e mesmo algunhas das principais dificultades coas que se ten atopado ó longo da súa evolución xa case vinteañeira e que, malia todo, ten feito que se consolidase entre o conxunto das referencias expositivas galegas, por máis que nalgúns casos chegase a ser vista con recelos -descoñezo se agora o segue sendo-, incluso polos propios restauradores da cidade, que chegaron a considerar este evento coma unha competencia desleal, no canto de velo coma unha oportunidade á que se debían sumar para transformar a cidade de Ourense na capital española da gastronomía con motivo do "introito" do Entroido ourensán.

Hai cidades que comezaron a introduciren propostas pequeniñas como ofertas gastronómicas para os seus habitantes e, pouco a pouco, foron crecendo ata formaren parte xa das súas principais propostas turísticas a nivel nacional. Estou pensando mesmo no lema "Para comer, Lugo", ou nas xornadas de tapas e pinchos de Valladolid, San Sebastián ou Logroño, poño por caso.

Pois ben, nesta liña e sen pretender descubrir a pólvora, que xa hai moito tempo que foi descuberta, consciente, ademais, de que o equipo xestor de Expourense, con Alejandro Rubín á cabeza, seguro que xa teñen espremido os miolos para ir renovando propostas e contidos que lle permitan a Xantar cruzar os vinte anos fresco coma unha ameixa, voume permitir a licencia de suxerir unha vía que, se cadra, xa foi explorada e non se logrou, ou se cadra non ou só se ten logrado en parte.

Se eu fose un crítico gastronómico deses que logo deciden quen entra ou sae das páxinas da guía Michelín ou da Repsol. É dicir, se eu fose creador de opinión no infinito campo da gastronomía e da restauración e me pedisen opinión, diríalles que me gustaría asistir a unha feira gastronómica coma Xantar, pero na que estivesen representadas, con cadanseu restaurante, tódalas comunidades autónomas españolas e tódalas rexións de Portugal, ofrecendo durante unha semana, dende Ourense para a península, o gran mosaico gastronómico ibérico. Certamente non sei se sería económica e organizativamente posible. O que si sei é que sería farturentamente saboroso.

Te puede interesar