Opinión

Corresponsal en París

Cada vez estou máis convencido de que o día que sexamos verdadeiramente capaces de tecer a rede completa de galegos de primeira xeración, fillos de galegos e netos de galegos que andan polo mundo a través dos máis diversos oficios e profesións e que manteñen aínda o embigo sentimental ligado a esta nosa terra, ese día daremos, sen lugar a dúbidas, coa tecla máxica coa que seremos quen de fabricarmos con garantías de futuro a nosa sociedade completa.

Hai uns días chamoume por teléfono un amigo para falarme dun seu primo que leva décadas residindo en París e que desexaba desenvolver, xunto coa súa muller, unha actividade en Celanova.

Principios elementais da cortesía que un trata de manter acotío cos amigos e cos amigos dos amigos, ós que neste caso se lle engaden, ademais, afectos mutuos que converten a predisposición á cortesía nunha obriga, leváronme a poñerme ó seu dispor para o que lles fixera falla.

Hoxe pola mañá -onte, para vostede- finalmente coñecémonos e por enésima vez confirmei a regra elemental da nosa afortunada universalidade, pois ós dez minutos de conversa ademais de semellar que nos coñeciamos de toda a vida, xa fun quen de ponderar na súa xusta medida a persoa que tiña diante e que, como tantas outras veces, sobordaba afabilidade, bonhomía e amor pola terra, tres alicerces sen os que un galego de ben andaría coma espido polo mundo.

París foi o hábitat natural escollido para demostrarlle ós franceses que un ourensán de Lobios podía elaborar tan boa cociña francesa coma eles, cousa que fixo ó longo dos máis de 40 anos que exerceu tal profesión nos catro ou cinco restaurantes que, na compaña da súa dona, rexentou en diversos puntos da cidade da luz, do amor, das artes e das ciencias.

Falamos de comúns amigos e coñecidos, moitos dos cales aínda poden compartir mesa e mantel, e doutros que xa non están, pero que nalgúns casos continúan vivos nos nosos respectivos recordos.

Nun momento amosoume orgulloso o carné de corresponsal de La Región Internacional que aínda o acompaña, expedido daquela polo lembrado Luís López Salgado. Falamos do meu veciño José Antonio Román, que xunto co propio López Salgado abriron a delegación de La Región en París e se converteron en pioneiros dese proxecto inacabado de tecer a rede de galegos polo mundo. Esa sen a que Galicia, como corpus social, non se verá completa nunca.

Chámase Juan Antonio Díaz -Jean Diaz, para os franceses- e transformou L'epicurien (O Epícuro) e L'Ecrevisse (O cangrexo de río) en dous santuarios da cociña francesa para os españois que tiveron a fortuna de poderen ir respirar liberdade a París cando en España aínda o aire circulaba por espesos remuíños de sombras.

Te puede interesar