Opinión

As crianzas mimadas

Hai ben tempo que escribín que para normalizar a situación política nesta antiga pel de boi e levar o Estado das Autonomía ó punto máis desenvolvido do proxecto nacido por unha imperiosa necesidade cooperativa, a conferencia anual de presidentes debería estar perfectamente lexislada, regulamentada e normalizada a súa celebración.

Nin son catedrático de politoloxía, nin un experimentado sociólogo, nin un estudoso do Estado das Autonomía, nin sequera un especializado analista de política nacional. Son un simple columnista de "provincias" que gusta de estar ó tanto da actualidade e que se interesa por coñecer -para poder entender- os sarillos que entrelazan o sistema político que outros máis vellos ca nós deseñaron nos anos 70, logo de terlle colocado por riba dúas toneladas de mármore ó dictador nese lugar debido ó suor dos presos da Guerra Civil no outeiro de "Cuelgamuros".

É máis, o que realmente son é un ninguén con total independencia e cun certo sentido crítico, que vota cando lle toca e, cando non, toma como propio o exercicio da crítica como persoal achega a un posible estado de opinión, tal e como estou facendo arestora.

Pois ben, sendo así, nin máis nin menos ca un tipo da rúa que malamente entrou -convidado- unha vez no Congreso, dúas no Senado e algunha máis no Parlamento Galego, e sempre de visita protocolaria, non dou entendido cómo, vendo tan clara esa necesidade crónica que ten o Estado das Autonomías para normalizarse como tal; non entendo -repito- cómo ningún dos "pais" da Constitución, nin ningún estadista -que os tivemos-, nin tampouco ningún partido político e case me atrevo a dicir que ningún medio de comunicación, se dedicaron nunca, con insistencia , a poñer negro sobre branco -co fin de crear precisamente un estado de opinión favorable- a reivindicación desa conferencia de presidentes que, despois de non sei cánto tempo, nantronte se celebrou.

Que nos falta -pregunto- para sermos ese Estado Federal, coma outros que hai repartidos polo mundo, que levan tempo reivindicando algúns partidos políticos e do que eu me teño declarado con certa frecuencia como defensor?

Sinceramente, creo que moi poucas cousas. Algunha que outra transferencia, unha dose bastante maior de sentimento de solidariedade entre xentes das distintas Comunidades Autónomas, unha diáfana consciencia de que o Estado formámolo as persoas e non os territorios e chegarmos definitivamente á conclusión de que xuntos -cada quen coas súas propias circunstancias- imos estar moito mellor.

Que nos falta, repregunto? (Nunca pensei que diría isto, pero xa fartan). Pois que a clase política catalá e a vasca deixen de seren, dunha p. vez, as crianzas mimadas desa familia común que dende hai séculos vimos construíndo todos. Eles, si. Pero, tamén nós.

Te puede interesar