Opinión

De aí non pasa!

Xa sei que nada ten que ver o asunto que vou abordar co incidente acontecido nantronte pola noite en Vigo, e que semella, polo que todo apunta, ser un feito certamente puntual.

Permítame, non obstante, lembrar un vello sucedido que xa teño traído a colación nesta columna e que aconteceu na romaría da Saínza nunha chuviosa mañá de finais de setembro, cando aínda o Plan Bulleiro estaba a funcionar, pois aínda era daquela, Victorino Núñez, o presidente da Deputación provincial.
Celebrábase a tradicional loita entre mouros e cristiáns -xa sabe, "si gerra quereis, gerra tendreis..."- cando unha treboada preoutonal se pousou coma se pousa un caldeiro a piques de bordar sobre a esplanada da festa. A xente do común seguía as escenas dende calquera lugar, os máis achegados á romaría popular, facíano nas inmediacións do palco e sobre o estrado a clase política local, entre eles, que eu lembre, o propio Victorino Núñez e José Luís Baltar.
De súpeto o caldeiro celestial comezou a baldear. A xente correu para onde puido e os que estaban preto do palco, como faría calquera, procurou resgardo por riba e por baixo do entramado artesanal de  madeira, onde estaba previsto que tocara despois a orquestra. Correron ó acubillo, ata que nin por riba nin por baixo colleu ninguén máis.

O resultado, como era previsible, non se fixo agardar e, con tanta xente por riba, de súpeto venceu a estructura, dando cabo, os osos do poder eclesiástico, do poder político e dalgún que outro representante das forzas de orde, por riba da clase popular.
Afortunadamente, que eu lembre, non houbo que lamentar danos físicos de gravidade, pero o susto non llo aforrou ninguén, nin ós de riba nin, sobre todo, ós de baixo.

Ora ben, aquilo foi a constatación real dunha máxima física que adoita repetir a voz popular cando algo cae ó chan: De aí non pasa!
Veume de novo á idea, onte pola mañá, aquela escena peculiar, cando o souben pola radio e logo vin as imaxes da pasarela do Náutico de Vigo vencidas coma o vello palco da Saínza e dando paso á tan agardada como noxenta pelexa de galos de curral na que durante todo o día se embeleñaron os de aquí (Concello-PSdeG) cos de acolá (Xunta-PPdeG), coa autoridade portuaria como intermitente faro referencial.

E tal como di a sabia voz popular, de aí non pasaría se a xuventude cantase, bebese e choutase sobre a terra firme ou, o que ven sendo de toda a vida, o chan.

Ora ben, choutando sobre uns pilares chantados no fondallo do mar, digo eu que a alguén se lle debería ter ocorrido calcular canta xente cabería alí sen que colapsar. Sobre todo cando aínda acaba de saír do forno unha lei de espectáculos públicos que hoxe non permitiría nin sequera dicir unha misa naquel vello palco de Victorino e Baltar.

Te puede interesar