Opinión

De astronauta a ministro

Conteino, daquela, cando me aconteceu, e aproveitei a ocasión para ensarillar unha reflexión arredor do seu insólito anonimato entre a poboación que, canda min, coincidiu nunha cola de embarque do aeroporto de Barajas.

Procesionabamos todos con lentitude e a necesaria concentración para sacar da mochila ou da bolsa de viaxe, o ordenador e outros trebellos electrónicos, mirar se nos petos levabamos algo metálico que nos puidera botar para atrás no operativo, coa tarxeta de embarque e o dni na boca (a verdade é que a veces non chegan as mans para tanta operación xunta), cando de súpeto reparei na persoa que ía xusto diante miña.

Nun primeiro golpe de vista resultoume cara familiar, que se me volveu coñecida cando reparei nel por segunda vez e lle vin ese perfil tan característico que identifica e que agora é tan coñecido.

Enxuto, coma un Quijote sen barbas, limpo de equipaxe e silandeiro, coma eu e a gran maioría dos pasaxeiros, amosou unha serie de papeis que me deu a sensación de que non tiñan moito que ver coas nosas tarxetas de embarque e pasou. Estiven a piques de saudalo e dicirlle o orgulloso que me sentía por ter coincidido tan preto del e a decepción que me estaba producindo que tan pouca xente reparara nel, pero a miña condición iconoclasta, é dicir, a de ser moi pouco dado pedirlle fotos ou selfies, autógrafos e demais a xente coñecida, botoume para atrás, polo que quedei coas gañas.

Era Pedro Duque, a única persoa de todas cantas estabamos nas catro terminais e que naquel intre pisabamos chan español, que tivera a oportunidade de ollar a terra dende o espazo. Un Pedro Duque que viaxaba acompañado só do seu -seguro que feliz e agradecido- anonimato.

Viñéronseme á cabeza aqueles intres fugaces en Barajas, esoutro día cando seguín a súa comparecencia no ministerio e vin -igual que vimos todos- como afloraban os nervios por onde menos desexaba, por máis que seguro que teña unha profunda formación no autocontrol para cando os ventos sopran racheados.

Que leva a unha persoa coa súa traxectoria profesional (única na historia de España), a dar o paso que el deu cando o chamou o presidente do Goberno para sumarse a un proxecto efémero ou, en todo caso, con data de caducidade imposta?

Isto foi o que me preguntei cando vin o seu nome naquela lista de ilustres que estaban chamados a rexenerar a política española en tan só dous anos.

Que razóns de tanto peso -pregunteime- para someterse á exposición cruel da cousa pública?

Sinceramente non o sei.

O que si sei -e se non o sei, presíntoo- é que algo máis ou menos ha de estar repetindo el estes días: Co feliz que eu era no anonimato da miña escafandra de astronauta, quen me mandaría a min meterme no ludro traxeado dun ministro?

Te puede interesar