Opinión

Delicto de inacción

Cando me poño a escribir comezan a saltar na rede as primeiras novas de alcance respecto dunha detención. Ó mesmo tempo, dúas ou tres faíscas caen sobre o teclado do meu ordenador -escribo no patio da casa- e unha columna de fumo sobrevoa de norte a sur, por diante dos meus ollos, ó mesmo tempo que o característico cheiro a monte queimado completa a información para indicarme que por primeira vez en todo o verán -sen dúbida estes últimos anos os celanovenses temos sido uns privilexiados- as labaradas, desta volta por desgracia, non queiman leiras alleas.

A orografía que ocupa os Quintairos de Amoroce non me permiten albiscar cara o norte un horizonte nítido e polo tanto non son quen de adiviñar onde está a orixe das chama. Pero non debe ser moi lonxe, porque os primeiros ínfimos anacos de verde queimado son cada vez un pouco máis grandes e na inspección ocular xa me amosan evidentes restos de follas.

Póñome a escribir, polo tanto, sobre a devandita detención nun ambiente desgraciadamente contextualizado, cousa que me leva -máis ca nunca- a insistir no segundo grande e grave erro social que estamos a cometer os galegos cos nosos montes se seguímonos autoconvencendo de que o problema dos incendios está provocado por uns extraterrestres que abducen ós nosos "paisanos" e os transforman en pirómanos que se dedican a construír trebellos incendiarios con carimbo de "feito a man" para queimaren os seus propios predios, chegando a ameazaren mesmo as súas propias aldeas, porque xa se sabe que o vento é vertoleiro e nunca avisa cara onde pode soprar.

Leo que un alcalde chegou a poñerlle nome ós comandos : "Terroristas ecolóxicos organizados" (TEO). Así foi como dis que bautizou o alcalde de Xinzo de Limia "á trama" que seica lle puxo lume á serra do Larouco a pasada fin de semana e que agora se saldou coa detención dun veciño da zona de nada máis e nada menos ca ¡83 anos!

A ver... É certo que quen a fai que a pague, teña 83 ou 183 anos. Ora ben –insisto- por máis que agora este bisavó se converta no chivo expiatorio da catástrofe, o monte galego non arde porque a un vello se lle dea por poñerlle temporizadores a media ducia de caixas de mistos.

O monte galego precisa dunha política decidida de xestión que ata o de agora políticos e sociedade non temos sabido acometer e que nos ten traído a esta dramática situación. E, sei que o que vou escribir non é politicamente correcto, pero cada vez que un alcalde se autoxustifica -e teño oído a uns cantos- dicindo que "o medio rural non ten solución", o mellor que podería facer no minuto seguinte sería dimitir por delicto de inacción, xa que con cada declaración deste tipo o único que fai é acender un misto con retardo para que calquera verán seguinte un dos montes do seu propio municipio sexa precisamente víctima da súa propia inacción.

Te puede interesar