Opinión

Democratización vs. Deixación de funcións

Hai algo máis dunha semana tiven oportunidade de asistir a unha exposición de pareceres sobre a cultura que agora xestionan algúns municipios desta "nova" España que dis que empeza a renacer.

Foi no marco dun encontro internacional sobre xestión cultural que se desenvolveu no Circulo de Bellas Artes da madrileña calle de Alcalá e que un ano máis me reportou apuntes certamente interesantes e informacións de grande valor engadido que tamén irei sinalando de cando en vez, segundo vaian tornándose acaídas cos asuntos que vaia abordando.

A mesa de "exposición de motivos" titulábase "Recobrar la vocación pública en las políticas culturales municipales" e nela participaron, entre outros, o concelleiro de Culturas -si, escribín ben- da Coruña, José Manuel Sande, un xestor cultural andaluz, un representante do equipo de cultura do Concello de Barcelona e a concelleira da área de Cultura do Concello de Madrid, Celia Mayer -estes días tan de actualidade-, acompañada do responsable cultural dun dos distritos -non lembro cal- da capital.

Ó longo dunha hora os novos responsables da política cultural de tres cidades tan señeiras do municipalismo ofreceron a súa visión sobre a cultura que viñan facendo os seus concellos e nalgúns casos -non en todos- degrañaron pequenos esbozos da política cultural que están deseñando, centrándose fundamentalmente nunha máxima: A democratización da cultura no sentido de poñer a mesma nas mans da sociedade, digámolo así, dun xeito xenérico.

Pareceume ben interesante, en contrapunto, a reflexión colectiva que fixeron. Sen embargo, ó remate asaltoume unha dúbida que logo tiven ocasión de explicitar noutro foro do mesmo encontro.

E a dúbida foi, se esa "democrática" delegación de responsabilidades en favor do tecido sociocultural -sistémico ou antisistema- máis activo non acabará confluíndo -aínda que por un camiño oposto- no mesmo no que acabaron caendo as políticas liberais ou neo-liberais, ó promover contratacións de servizos externos para executalas. É dicir, non correrá o perigo de acabar dexenerando nunha "deixación de funcións" das responsabilidades que no ámbito cultural lle corresponden á Administración. E digo isto porque, se ben é comunmente aceptado que a sociedade -organizada ou sen organizar- xestione un centro cultural, non semella tan lóxico que sexan os pacientes os que xestionen o seu centro de saúde por moito que sexan os máis interesados en que funcione.

Houbo quen quedou cavilando cando expuxen tal comparativa. Estes días, o problema xurdido a raíz dos títeres do carnaval -sen pretender meterme en lameiros que non veñen agora a conto- non fixo máis ca acrecentar as miñas dúbidas.

Te puede interesar