Opinión

Días de encrucilladas

Estudounos ben Castelao na súa derradeira producción literaria, analizando, non só a morfoloxía e os materiais dos que están feitos, senón tamén a súa significación animista e relixiosa, así como a simboloxía da súa ubicación nas encrucilladas de camiños, carreiros e vereas, sen esquecer, ademais, a relación intrínseca e indubidable que teñen cos seus homónimos das terras célticas.

Estoume referindo, por suposto, ós cruceiros que se reparte e mal conservan por milleiros de encrucilladas do país e ós que o polígrafo de Rianxo lles dedicou unha vida de análise e rexistro e que deron cabo para o futuro no libro "As cruces de pedra na Galiza".
Venme á idea a obra magna e etnográfica do gran Castelao ó darlle un repaso ós días políticos que vivimos, non só a nivel internacional, con parte do mundo céltico a piques de implosionar, senón tamén a nivel estatal e mesmo protolocal, no ámbito concreto das formacións políticas e do que probablemente vai ser ou non será dunhas e outras, de aquí a uns períodos de tempo nada longos.

E venme á idea porque, a nada que un bote unha ollada dende o outeiro cara todo o arco partidario que nos representa nas institucións, se algo queda claro para todos eles é que viven auténticos días de encrucilladas, nas que segundo atinen ou non no camiño elixido, terán ou non terán futuro nos próximos anos.
Vive días de encrucillada o PSOE estatal e mesmo o seu homónimo federal galego, porque despois da festa e da verbena sen control pola que están pasando, o normal é que lles chegue unha resaca monumental que comeza polos miolos e remata nos calcañares.

Vive días de encrucillada a Marea e tódalas súas confluencias de aquí e de acolá, nos que a realidade social da rúa é algo así como un planeta extrasolar ó que non dan chegado nunca porque non saben como arranxar os motores que lles permitan superar a súa propia presión atmosférica.

Vive días de encrucillada -pero menos- o BNG, porque agarda que o remuíño de sombras que case os deixou polas portas cando se lle deu por premer o botón do centrifugado e agora agardan que a paciencia dos que resistiron se vexa premiada nos próximos comicios.

Viven días de encrucillada as denominadas novas formacións, poñamos por caso, Ciudadanos e Vox, que aínda non dan comprendido moi ben o "mal" que se nos dá ós galegos o exercicio de decidir novos vieiros que poida que non teñan retorno.

E vive días de encrucillada dun xeito transcendente o Partido Popular de Galicia -e escribo adrede a súa extensión nominal-, porque mentres en Madrid xa viaxan con entusiasmo polo ramal da dereita centralista, (eles -e especialmente o seu presidente- sábeno ben) o seu futuro como formación de goberno en Galicia non ten outro camiño posible có do centro e galeguista.

Te puede interesar