Opinión

Dúas mazairas

Levan aí, a non máis dun cento de metros da miña casa, non sei canto tempo. Dez anos? Unha ducia de anos? Certamente non o sei. En todo caso o suficiente como para dar froito en abundancia, tal e como constatei esoutro día despois de dar o paseo vespertino co Quino -é o meu can-, porque logo do último temporal e do propio proceso de maduración ó que foron sometidas polo abandono, acabaron converténdose na demostración empírica da newtoniana lei gravitacional e non me caeron a min na cachola como lle aconteceu ó físico universal, pero si acabaron directamente e en masa no chan, de forma que cando reparei nelas semellaban dúas alfombras marelas arredor das pólas, estrando completamente o prácido verde campal.

Non era cuestión de contalas, aínda que se me poño son quen de facelo, porque aínda alí están. Pero podo dicir que había varios centos en cada un dos mantos, por máis que as árbores -as mazairas- foran relativamente pequenas respecto do tamaño natural dunha mazaira adulta, polo menos das que hai nos pomares da parroquia.

O caso foi que, ó velas perdidas no chan, non puiden menos ca achegarme a elas e inmortalizalas coa cámara do teléfono móbil, pois certamente alén de provocar tristura, pagaba a pena ver o efecto de abandono que as mesmas representaban a podrecer no chan respecto do que está acontecendo dende hai décadas co noso campo.

E, como consecuencia, sentín necesidade de divulgar a estaba que acababa de testemuñar, polo que no meu muro do facebook escribín algo así como: "Alegoría do país. A terra ofrécenos solucións e nós deixámolas podrecer... E así nos vai!"

Non é que promover unha revolución das mazas con esta reflexión, pero si teño algúns amigos que andan a compartila. E iso é porque todos somos conscientes de que non hai outra solución para a repoboación do medio rural de Galicia, ca volver ollar para o campo e volver sacarlle o valor engadido que sempre deu, pero que nunca soubemos comercializar.

Cando un alto dirixente de "Estrella Galicia" se achegou pola miña vila para recibir o premio "Celanova, Casa dos Poetas", falando de varias iniciativas de dinamización rural que esta sociedade está levando a cabo con outras sociedades senlleiras da economía productiva e de servizos, galega, ó preguntarlle pola promoción da sidra galega contestou de que era un producto que estaba saíndo moi ben cara o exterior e tamén en Galicia. Recoñecendo, ademais, que se non facían máis sidra era simplemente porque non eran quen de mercar máis mazás galegas.

En fin...! Que desgracia que un día decidiramos en masa desertar do angazo! Agora nin sequera zoupándonos co mango nos morros, somos quen de espertar.

Te puede interesar