Opinión

E chegará a conselleiro!

Xa nos é familiar a cara pétrea dese apóstolo de segundo nivel histórico, pero de primeiro valor monumental situado na porta de Praterías da cidade de Santiago, caracterizado con formas faciais de mico e coa palabra bico (kiss) como sinatura, facendo referencia a un recoñecido grupo musical de rock duro xurdido nos anos 70 e na actualidade e proceso biolóxico de xubilación.

Cando acontecen sucesos deste tipo eu teño por costume realizar un traballo mental de abstracción e ó mellor estilo da policía científica, colocarme no mesmo escenario do delicto para intentar analizar a secuencia previa dos acontecementos, xa non tanto co fin de que lle achegue algo de lóxica ó mesmo, pero si, cando menos, procurar unha consecuencia cronolóxica de feitos que lle dea algunha explicación.

É certo que iso, agora, acábao conseguindo a policía sempre, gracias a que esa sorte de "gran irmau" que temos ido construíndo inconscientemente entre todos colocando cámaras de seguridade por aquí e por acolá, séguenos os pasos por onde menos o imaxinemos e acaban dando sempre con nós. Se non que lle lo pregunten ós pais adoptivos daquela pobre nena chinesa-santiaguesa que tantas horas ocuparon hai uns anos na televisión.

Instalados, pois, ó pé dos cabalos da fonte de Praterías, coma quen ve pasar o tempo no devalo da noite cara a madrugada, maxino eu a un grupo, non moi numeroso, de mozos e mozas especialmente desinhibidos camiño da desinhibición total, cunhas cantas bolsas de plástico de calquera centro comercial con botellas de dous litros cheas de refresco cola, algúns tetrabriks de viño barateiro, dúas ou tres botellas de ron ou whisky e uns vasos de plástico de tamaño "xl", cando un deles acena con choutar por riba dos cabalos e mollar a noite compostelana, primeiro por fóra, para despois enchumbala de todo por dentro.

No momento, unha das mozas do grupo que léva o móbil pegado na man anima ó seu colega para poder colgar a imaxe no instagram, mentres que, postos, a tomar, denantes das litronas, o patrimonio, un terceiro -o máis artista- decide deixar pegada indeleble no lugar e cun rotulador deses grosos e de punta mega, ocórreselle ir maquillar ó pobre apóstolo pétreo, que leva oito séculos vendo pasar o mundo sen rechistar e que tampouco vai rechinar porque lle poñan un look contemporáneo. Non en van, nos capiteis románicos hai licencias de artistas -e algunhas certamente escatolóxicas- para dar e tomar.

No minuto seguinte, a moza xira o tiro de cámara e seguro estou de que nalgún teléfono -ou mesmo na rede- xa está colgada a foto que certifica a mascareira falcatruada.

De súpeto, desembeléñaseme a memoria unhas décadas para atrás e colócaseme fronte por fronte da porta do reitorado, en pleno Obradoiro, con mozos doutrora -naquel caso “comprometidos”- poñéndolle lume ó pórtico pétreo do edificio. Anos despois, unha moza daquel grupo chegaría a conselleira de Cultura. Quen se atreve a dicir que o mozo –ou moza- do rotulador non chegará tamén a conselleiro algún día?

Te puede interesar