Opinión

Enerxía potencial e enerxía cinética

Non é a primeira vez que escribo sobre estes conceptos, pero non dende o seu contexto físico, senón no amplo contexto do turismo en xeral e dun xeito singular no ámbito do turismo cultural que tanto futuro ten -ó meu xuízo- en Ourense.

Non é a primeira vez que abordo este asunto, pero non me cansarei de abordalo, porque me parece un exemplo tan clarificador como ilustrativo do que levamos décadas mal facendo e tan só meses corrixindo.

Escollo, pois, o día da clausura da exposición sobre o tempo dos suevos para volver sobre elo porque, como moi ben dixo a viguesa Carlota Álvarez Bassó o pasado sábado en Trasalba, a xestión cultural só terá futuro -e eu engado o turismo cultural- na medida en que se poñan a turrar do carro a iniciativa institucional e a iniciativa privada, é dicir, na medida na que se dea unha colaboración público-privada creativa, leal e colaborativa.

Imaxine, benquerido lector, que calquera dos moitos encoros que se reparten polo mapa orográfico da provincia fosen construídos utilizando exclusivamente orzamentos institucionais ou públicos. Non sei o que pode constar construír un encoro, pero poñamos, pola baixa, que andara entre os 30 os 40 millóns de euros.

Imaxine, logo, que despois de expropiar os terreos a ocupar, deseñar todo o proxecto e levantar, palmo a palmo, a presa de contención, resulta que por calquera causa de forza maior, non se construíse a sala de turbinas e a central de captación da electricidade.

A auga, entón, quedaría permanentemente embalsada e todos falariamos da enerxía "potencial" que o mesmo tería. Unha enerxía potencial estática, que non xeraría o máis mínimo recurso económico, a non ser as catro ou cinco barquiñas ou canoas coas que poderían pasearen os veciños, e algúns visitantes, nos días rumbosos de primavera, polo que o invistimento sería unha auténtica ruína económica.

Só cando lle fosen instaladas as turbinas e a central eléctrica e aquelas comezasen a funcionar -é dicir, cando o potencial enerxético se transformase en enerxía cinética- e a compañía a distribuír a electricidade, sería cando o proxecto comezaría a xerar riqueza.

Pois ben, así é como se ten mantido o noso riquísimo patrimonio cultural dende tempo inmemorial, consumindo millóns de euros, facendo referencia unicamente ó potencial turístico que atesouramos.

Sen embargo, en canto ese patrimonio cultural non sexa transformado en producto turístico -ou sexa, en electricidade- e non se comece a vender -e a bo prezo- xamais Ourense poderá vivir do turismo.

Velaí, polo que nestas horas de despedida dos "suevos", como ourensán me felicito de que por fin teña chegado esta mostra. Porque nos veu amosar dun xeito práctico que non temos que envexarlle nada a ninguén e que Ourense só comezará a espertar (e a transformar a enerxía potencial en cinética) cando sexamos quen de nos quitarmos tantos complexos de enriba. 

Te puede interesar