Opinión

O entroido e a arte

Hoxe -cando vostede lea isto- será día festivo na maioría dos concellos da provincia e con alta probabilidade terá vagar para lelo mentres toma folgos da noite anterior e se dispón a procurar unha nova transformación para encarar a despedida duns días certamente arroutados nos que se é home seguro que procurou un traxe de muller e se é muller poida que se teña desmelenado un pouco tamén, aínda que non se teña disfrazado de home.

Na miña vila, sen embargo, traballaremos coma calquera outro día, porque o festivo será mañá. Pero non para darlle un descanso ó corpo logo da trouleada do martes de Entroido. Senón porque de cando en vez -cousas da lúa- cadra que o mércores de cinza coincide co un de marzo, que é cando, dende hai máis de 800 anos Celanova celebra o día do fundador do seu mosteiro, Rosendo Guterres Eiriz, máis coñecido como San Rosendo.

Sen baixar ó estrado da letra pequena onde se pode ler o protagonismo -ou falta de del- que nas últimas décadas teñen xogado as institucións municipais na eclosión ou na inanición do Entroido ó longo e largo da provincia, eu son dos que penso que existen razóns históricas de peso que explican por qué nunhas localidades o mantemento da tradición do Entroido se perde na noite dos tempos e por qué outras localidades carecen, sen embargo, desa tradición por máis que fixeran o posible e o imposible por consolidar a celebración sen o teren logrado.

Evidentemente, no caso de lugares como Celanova, onde o poder monacal mandaba -e mandaba moito-, resulta comprensible, cando menos, que esa querencia pola transgresión á que convidaba a entrada na coresma fose máis complicada ca onde o omnipresente poder relixioso non fixese tanta sombra.

Se lle damos un repaso mental á xeografía onde o traxe toma formas ancestrais, decatarémonos de que en ningún dos seus lugares existiu un asentamento relixioso do nivel de Celanova, Oseira, San Clodio ou San Estevo, poñamos por caso, onde as tradicións eran outras ben diferentes.

Fago este longo -nunca mellor dito- introito para alertar dunha circunstancia certamente curiosa, que se deu a semana pasada en dous espazos culturais da cidade capital. Isto é a presentación por parte do pintor celanovés Baldomero Moreiras dunha interesante colección de postais sobre as máscaras provinciais, así como a exposición -non menos vistosa- que se pode visitar no Centro Cultural Marcos Valcárcel baixo o título de "Senlleiro e ancestral, as caras do Entroido ourensán", obra doutro celanovés, tamén, como é Jósé Manuel Sánchez.

É dicir, que mentres a provincia se disfraza, os celanovenses transformamos o Entroido en arte. E non nos vai tan mal... Que quere que lle diga!

Te puede interesar