Opinión

"… Escribe de San Rosendo!"

Que Portugal (non o Estado Novo -do que eu nada sabía-, senón o Portugal ó que ían camiñando os vellos estraperlistas) formou parte, durante moito tempo da miña infancia e da miña xuventude, desa pléiade de mitos inalcanzables que tódolos nenos tivemos algún día, é algo que non lle resultará estraño, benquerido lector, se de cando en vez se deixa caer por estas liñas.

Ben é certo que xa hai moito tempo que din superado o mito e do mesmo xeito que fun quen de ter tocado coa man os fitos físicos daquela inalcanzable fronteira, hoxe Portugal forma parte indisoluble da miña patria imaxinaria, que non ten por qué coincidir cos límites xeopolíticos da patria legalizada da que un forma parte por adscripción administrativa.

Neste contexto, pero cun sentido intelectual menos denso, é dicir, co único fin de pasar unha xornada de exaltación da amizade e ó mesmo tempo facerlle de guía -eu e máis un amigo que coñece o norte do país polos atallos- a outros dous amigos que non teñen tanto costume coma nós de se deixaren levar polo curso baixo do río Limia. Por consenso previo decidimos achegármonos ata Braga e Guimarães, para, despois de xantar ó pé do mar, en Apulia, cursar visita obrigada ó potente monumento que o santo fundador de Celanova, Rosendo Guterres, ten erguido fronte á Cámara Municipal de Santo Tirso, onde as raíces da súa historia se xuntan coas da nosa vila.

Dado que o día estaba a ser gratificante, non había presa ningunha por volver, polo que nun momento dado díxenlles que había que ir pensando no regreso porque eu aínda tiña que escribir esta columna e aínda non sabía sobre qué.

Entón, un alegou: "...Escribe de San Rosendo!"

E ben, a casualidade quixo que tan pronto cheguei á casa e empecei a remexer nos papeis, de súpeto caeu nas miñas mans un vello texto de Benito Fernández Alonso, publicado no seu momento no Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense -a biblia da nosa historia-, referíndose a unha "relación de pobos e territorios concedidos e confirmados polos reis ó mosteiro de San Salvador de Celanova", onde se recollen entre outras moitas propiedades, un privilexio do ano 1071, do rei Fernando I, de doazón dun "solar de casas xunto á igrexa Catedral de Santiago, preto da fonte chamada Meo Samelli, para que os monxes que fosen a aquela cidade tivesen casa na que hospedarse e descansar algúns días".

Velaí polo que decidín contar esta pequena historia persoal. Pero non tanto para facer exaltación da viaxe cos amigos por vereas rosendianas, canto para aproveitar a mesma e criticar -cada vez con máis vehemencia- a todos aqueles -e aquelas- que se negan ver a evidencia de que un dos principais camiños portugueses a Compostela pasa inexorablemente –malia súa teimudeza- por Celanova.

Te puede interesar