Opinión

Escribir recto...

Non sei quen foi -dis que Einstein, coido- o que dixo algo así como que Deus escribía recto con liñas tortas.

Pensei nisto, onte pola mañá, na fermosa sala de exposicións "José Ángel Valente", cando asistín ó acto de presentación do catálogo do reto expositivo -máis ca unha exposición- ó que se enfrontou desta volta o meu veciño de Celanova, Baldomero Moreiras, ó desenvolver o proxecto "O eco das amazonas" que dende comezos do mes de marzo poboa a devandita sala de exposicións e sorprende e engaiola a todo aquel que sube as escaleiras do vello Banco de España, non para pedir un crédito nin para trocar billetes vellos por novos, senón para gozar da arte na súa dimensión plena.

Anos, bastantes anos, leva bulindo entre os miolos de Baldomero Moreiras a idea de sacar á luz unha colección que rescatase do silencio a esa media parte da sociedade que non ten historia malia que a teña protagonizado tamén e que agora, por fortuna para todos, ten emerxido cunha forza inusitada e efecto literal de péndulo para acabar decantando no futuro nunha normalidade igualitaria non menos plena.

Desa idea orixinal que con toda seguridade lle provocou horas e horas de insomnio voraz, de pensamento crítico e inquedanza intelectual, de procura documental e de esculca sen igual na súa traxectoria artística, xurdiu  este proxecto sen par. Un proxecto que devolve do silencio a 35 mulleres de aquí e de acolá, de onte, de natronte e mesmo do máis alá, e que malia que destacaron por algunha razón vital ó longo da súa existencia, na grande maioría dos casos só recibiron como premio a ignorancia dos seus, cando non o desacato popular ou, o que aínda é peor, a fogueira.

Trinta e cinco mulleres coma Inés de Castro, a galega que reinou en Portugal despois de morta. Coma Áurea Rodríguez, quen, logo de quedar orfa con catro irmaus pequenos, pechou a porta da casa de Muntián (Cartelle) e propúxose cruzar os camiños do mundo coa única ferramenta da gaita. Coma Hipatia de Alexandría, matemática, filósofa e astrónoma, que foi queimada en praza pública por herética. Ou coma as carboeiras astures, que encheron os pulmóns de silicose cando os seus homes podrecían en fosas comúns ou no cárcere.

Trinta e cinco mulleres sobre as que ninguén -ou case ninguén- recolleu as súas inmensas grandezas humanas, nin sequera escribíndoas en trazos grosos e tortos a través de liñas sinuosas.

Velaí polo que eu fixen tal paralelismo imposible entre o formato esférico que Baldomero escolleu para sacalas á luz do século XXI, coma se fosen exuberantes e policromadas lámpadas que nos deben servir de lección para o presente e para o futuro. E como tal lección –para iso está a arte- iluminarnos a todos.

Te puede interesar