Opinión

Estes ingleses...

  

Agora, cando me poño a escribir, levo vinte e catro horas en Londres e aínda non vin nada máis có que acontece polos arredores do hotel, é certo que bastante ben situado, a non máis dunha carreiriña dun can do Museo Británico (primeiro son as obrigas e logo, se hai vagar, tempo haberá para furgar nos tópicos, que para pouco máis dá unha viaxe de tres días).

O desenvolvemento dun programa cultural europeo no que os moitos proxectos que teño ido deseñando arredor do patrimonio cultural que ten herdado a miña vila e ós seus arredores ó longo da historia, foron collidos como exemplo posible para futuras colaboracións con outros lugares de Europa, de maior e menor tamaño pero coa mesma problemática sempre: Como reclamar a mirada dos turistas e visitantes e logo como fidelizalos para que, senón volven eles, manden recado, método que aínda non foi superado como mellor xeito de soltar a rede e que nela caia peixe do bo.
Agora é tempo de cruzar os dedos e de que o interese co que fun escoitado polos interlocutores cos que coincidín, se vexan neles representados, como afortunadamente nalgúns casos xa pasou.

Non podo escribir, pois, moito desta urbe que non coñecía, por máis que teña que ter sido á terceira, a vez na que cheguei.
Que non poida falar diso, non quere dicir que pola vía da demostración empírica, só sacar os pés do aeroporto e pousalos na recepción do hotel, xa me colocase nesa realidade tan contada de que a Londres -igual que a Nueva York- non fai falla levar moito inglés na mochila para sobrevir. E para mostra dous botóns.

O primeiro foi xusto no mostrador. Agardo a que a moza que está do lado de dentro atenda ó meu predecesor, co que está falando un correcto castelán no que eu noto leves "deixes" nosos. Saúdoa, tamén en castelán, e ós dous minutos xa nos comunicabamos en galego, pois a seica é de Malpica e leva -unha eternidade, dixo- cinco anos na City.

O segundo foi pouco despois dun cuarto de hora, o tempo de subir á habitación, decatarme de que non metera na maleta o adaptador (estes ingleses son ben raros!) e baixar a un pequeno negocio de "souvenirs" atendido por un mozo -ata aquí chega o equilibrio- madrileño, co que xa non establecín moita máis conversa. E non por nada, só que me apuraba a présa.

É dicir, se isto é aleatorio, nuns anos teremos a xuventude –en inglés- mellor preparada. O que non teño tan claro é se a teremos traballando naquilo para que foron formados. Pero Bueno…, mellor ir polo mundo falando inglés, que senón só acabas comendo "fish and chips".
Seguro que arestora ha de estar preguntando que tal me pareceu. E eu contéstolle: Estes ingleses son ben raros! Co ben que se está no euro e o ben que se anda pola dereita... (e non ten dobre sentido, por máis que vostede llo queira ver).

Te puede interesar