Opinión

Evidencias dun camiño cara Compostela

Cando escoito a algún representante da Administración autonómica ou mesmo a algún recoñecido historiador (que non sei que pinta, digo de paso, formando parte dunha Academia que leva o nome de San Rosendo), negar a evidencia de que pola actual Baixa Limia e Celanova transcorría un Camiño que era utilizado por peregrinos que polo interior de Portugal conducían os seus pasos penitentes ata Santiago de Compostela, eu sempre respondo cun argumento de peso que habitualmente ninguén me retruca.

O argumento é o seguinte: "A ver se atopa algunha localidade de Galicia que atesoure entre os seus vestixios históricos un discípulo directo de Santiago (o varón apostólico, Torcuato), un bispo compostelán, anterior incluso á construcción da catedral (Rosendo), e un haxiógrafo (Mauro Castellá Ferrer) do propio santo, cuxo traballo serviu de base nun momento delicado para conservar a tradición do voto xacobeo". E, unha vez, enunciado o argumento, lánzolles un reto: Que me digan se no mapa galego atopan algunha vila que sexa máis compostelá que Celanova.

Malia estas tres evidencias e outras moitas que forman parte da historia do camiño que percorre as veigas do río Limia e salta polo Vieiro ás do Arnoia e logo ás do Miño, coma por exemplo aquela que sostén un documento do ano 1142, no que os monxes do convento celanovés asinaron un acordo cos hospitalarios de Xerusalén para mandar construír un hospital no lugar de Portela (Verea) "co fin de que os peregrinos que van a Santiago teñan onde hospedarse", o único certo nestes intres no horizonte do 2021 e nos oráculos da Consellería de Cultura é a corrente de opinión interesada (descoñezo con que obxectivo) de que a única vía (velaí outro argumento) que é quen de unir o Camiño Portugués pola costa co Camiño Mozárabe ou da vía da Prata, sexa considerada, no marco da nova Lei de Patrimonio Cultural, unha "vía cultural", que é ven a ser algo así coma unha pedrea que a nova Lei lle outorga a todos cantos queren que o Camiño de Santiago vaia dende a súa casa ata a Praza do Obradoiro.

Traio hoxe a colación este argumentario, ó fío dunha andaina que vai ter lugar o próximo domingo por esta vella verea rosendiana e que pretende reivindicar dende unha perspectiva social –unha vez máis- o que a propia historia -tal como aquí queda reflectido- evidencia.

E como colofón, permítame engadir que no ano 1071 o rei Fernando I chegou a concederlle ó mosteiro celanovés "un solar de casas xunto á igrexa Catedral de Santiago, preto da fonte Meo Samelli para que os monxes que fosen a aquela cidade tivesen casa na que hospedarse e acougar uns días".

É dicir, se todo isto non son argumentos, que baixe o apóstolo do seu cabalo branco (por certo, reto tamén a quen o desexe, a que atope outra cabalgadura máis monumental cá do convento celanovés) e o vexa.

Te puede interesar