Opinión

Un exercicio de imaxinación imposible

Leo que os Concellos de Xinzo e Verín andan á procura dos propietarios de terreos urbanos e periurbanos das súas capitalidades municipais -non sei se darán feito o mesmo cos dos entornos das aldeas- para cominalos a que manteñan os seus predios limpos co fin de evitaren eventuais incendios que poidan poñer en perigo os edificios anexos.

No caso de Verín vexo, ademais, que non escatiman recursos e súmanse ó uso das tecnoloxías de última hora para que ninguén teña a oportunidade de fuxir das súas responsabilidades por erro da inspección  municipal ou mero esquecemento.

Feita esta consideración limiar, tomo a parte polo todo e imaxino estes días a alcaldes e alcaldesas de toda a provincia -en realidade, de toda Galicia- á caza e captura do propietario moulón, cunha copia da ordenanza municipal no peto para ensinarlla cando se crucen con eles pola rúa e ensinarlles dous artigos da mesma, o que alude á obriga que todos temos de mantermos limpas -ou traballadas, que sería o ideal- as nosas propiedades rurais ou urbanas, e o que informa das sancións, que, supoño que como as ordenanzas rulan de secretaría en secretaría municipal, virán a seren moi semellantes e que irán, máis ou menos, dende os 300 ós 3.000 euros se non se aveñen a cumpriren coa devandita obriga.

O que xa non son tan capaz de imaxinar, por máis que deixe voar a cabeza coas alas do Mario Bross, é a eses mesmos alcaldes, logo de ter avisado (en realidade, ameazado) ós seus veciños co mazo da sanción e logo executado a mesma, repito, non son quen de imaxinar a ese mesmo alcalde -ou alcaldesa- a meter no mesmo peto as papeletas da súa candidatura electoral e achegarse ás cociñas dos sancionados para pedirlles o voto.

É certo que o debuxo que acabo de trazar non deixa de ser unha caricatura da realidade, pero como tal caricatura, precisamente, na esaxeración destaca os trazos principais do problema, porque, igual que acontece con tantas outras cousas da administración municipal os alcaldes acaban sendo xuíces e parte nun sen fin de competencias, cousa que, como a propia realidade nos encarga de demostrar a cotío, aboca todas esas competencias ó fracaso.
E, mergullados de plano nese exercicio de imaxinación imposible, laméntoo pero -por máis que sei que se reúnen para ducias de cousas ó cabo do ano- tampouco son quen de visualizar imaxinariamente un simposio de alcaldes -de tódolos alcaldes- da provincia, reunidos en irmandade para afondaren no problema que no asunto dos incendios lle caeu por riba coma unha espada de Damocles periódico-estival e entre todos procuraren unha proposta de solución conxunta que eles, mellor ca ninguén, saben que non pasa por sancionar ós veciños e logo irlles pedir o voto.

Te puede interesar