Opinión

O exército dos valentes

A xornada sabatina levou os meus pasos por camiños e vereas da terraza noroccidental das veigas da lagoa de Antela, entre Bobadela e Xunqueira de Ambía.

A chamada duns amigos cos que adoito compartir -cando menos unha vez ó ano, alá polos derradeiros días do mes de agosto- mesa, mantel, viandas, conversa e un pouco de viño para regala, volvéronme convocar, desta volta para andar por un pequeno tramo do Camiño de Santiago cuxa denominación oficial está agora en revisión co fin de consolidarse como "Vía da Plata-Camiño Mozárabe".

Aproveitando unha excelente mañá para camiñar e co fin de que a camiñata servise para gozar do encontro e non para deixar a figadeira no intento, démonos cita na aldea de Bobadela da Limia (dígoo así porque na miña terra de Celanova tamén hai outra Bobadela) e dende alí dispuxémonos a cruzar soutos e carballeiras, tamén algún mirador dende o que puidemos avistar os tres fitos medievais da Limia, para finalmente recalar -como non podía ser doutro xeito- na ex-colexiata de Santa María e nela contemplar, esta vez en posición de silente repouso, a fermosa caixa do único órgano histórico que se mantén en estado de funcionamento en toda a provincia de Ourense.

Logo, por obra e gracia do noso anfitrión, José Luís Gavilanes, encaramos unha pista de curto recorrido e chegamos á Taberna Acevedo, onde primeiro nos vimos sorprendidos polo gusto na restauración -mellor dito, na rehabilitación- dunha vella casa de aldea, agora fermosamente transformada en restaurante, e logo, por un moi agradable servizo e unha saborosísima mesa que recomendo abofé para todo aquel que guste da cociña de certo, xa que logo, as monumentais croquetas de cogomelos, os non menos monumentais fabóns con porco celta e o xarrete estufado con puré de pataca que nos serviron aínda rebulen nas miñas papilas gustativas arestora e -cando escribo- xa pasaron máis de 48 horas.

Polos datos que me forneceron, resulta que o meritorio proxecto de vida que nós alí coñecemos está formado por unha moza madrileña e un mozo vasco que un día decidiron mirar para poñente e iniciaron esta empresa contra tódalas estatísticas demográficas que día si e día tamén nos anuncian ata o fastío o inexorable apocalipse para esta terra.

Pode cremo, benquerido lector, pero o sábado na sobremesa, mentres Antón Pulido se transmutaba nunha sorte de Caruso con porte de camiñante, eu prometinme a min mesmo converterme en altavoz de todos cantos se teñen ido incorporando, co seu firme compromiso -e co seu propio diñeiro-, ó exército dos valentes que elixiron facer desta terra -que a política das últimas décadas quere abocar a que sexa soamente paisaxe- un auténtico proxecto de vida.

Te puede interesar