Opinión

Facer ou deixar facer

Hai uns días tiven oportunidade de asistir a unhas xornadas sobre cultura e medio rural nun lugar tan singular como afortunado.

Non conta, a aldea, con medio cento de veciños. Chámase Cerezales del Condado e está situada ó noroeste da cidade de León, a pouco máis de media hora en coche, pola estrada que leva camiño de Cantabria.

Como pode comprender, benquerido lector, botando conta das dimensións humanas que lle indico, a aldeíña atópase nunha veiga non moi traballada, onde tampouco se dan cita destacadas referencias patrimoniais ou naturais que provoquen unha razón de peso para ir visitala.

Por qué me acheguei alí, será o que arestora estará pensando, entón, se o lugar non suscita o máis mínimo interese?

E non lle falta razón, porque por máis que non radique naquel espazo ningún monumento nacional nin accidente xeográfico que se prece e que supoña un recurso turístico, conta coa singularidade de ser o lugar de nacemento dun emigrante (Antonino Fernández) que así, co seu nome de pía, sen máis, non lle dirá moito, pero que seguramente lle pasa a ser coñecido se lle digo que foi o propietario da cervexa mexicana "Corona" ou "Coronita".

Pois ben, alí, na súa aldea natal e con sede nas antigas escolas nas que el non puido estuda, centra agora a actividade a "Fundación Cerezales Antonino y Cinia" que dedica o seus envexables recursos procedentes da fortuna do fundador, a promover a "cultura, a transferencia de coñecementos e etnoeducación" no medio rural. E nesta liña foi que, en colaboración coa Secretaría de Estado de Cultura, organizou unhas xornadas sobre "Cultura e medio rural" que me souberon a moi pouco porque dos debates alí abertos e das experiencias alí presentadas todos abandonamos aquel lugar pensando que existen vontades, ideas e propostas que aplicadas axeitadamente ó territorio, ofrecen saídas moi interesantes nas que os seus habitantes poden acabar gozando do privilexio de seren -sermos- donos do noso futuro.

Os dous días alí transcorridos fixéronme pensar abondo no mecenado -tan iloxicamente discutido no casou doutro leonés- e na  interesante vía de colaboración que moitas institucións sen ánimo de lucro poderían recibiren do ámbito da emigración na nosa terra. Como tamén me fixeron pensar algunhas reflexións alí escoitadas, entre as que gravei unha formulada por un mozo vigués que anda a traballar no que agora chaman "economía do común".

Respecto do papel que debe xogar a Administración no proceso de repoboación do medio rural, comentou o rapaz que o mellor que podía facer era, simplemente, deixar facer. É dicir, non poñer problemas. Velaí en base ó que eu lle propoño aquí ó señor presidente da Xunta que no canto desa Consellería de Política Social, que me dá que non serve para nada, cree no seu lugar unha Consellería de Non Poñer Problemas.

Te puede interesar