Opinión

Fin dunha era?

Evidentemente, non vou entrar eu nas razóns ou sen razóns que amparan os motivos polos que Manuel Vázquez (xa sei que na cercanía persoal todo o mundo lle chama Pachi, pero non me parece a min axeitado para o formalismo xornalístico dunha columna) acabou tomando unha decisión que onte seguimos todos nos informativos audiovisuais e dixitais, e hoxe será portada de tódolos xornais de papel.

E non me vou adentrar nese labirinto porque non teño tódolos datos ó respecto e o máis probable -de meter os pes na lama- sería que saíse dela cos zapatos completamente enzoufados. O cal non quere dicir que non teña a miña opinión ó respecto e que, co que transcendeu polo de agora non pense eu que incluso aínda que abrisen xuízo oral tivese que dimitir porque, como ten acontecido outras veces, se ó final resulta que todo cantos documentos di que existen sobre as contratacións aparecen e resulta que o veredicto final non é condenatorio, de pouco servirán despois as palmadiñas que poida recibir no ombreiro.

Pero, xa se sabe, vivimos tempos de presunción de culpabilidade e non de presunción de inocencia e é ó que toca xogar nestes intres, do mesmo xeito que en etapas anteriores todo valía e ninguén -tanto os que agora calan coma os que ouvean a berro seco- dicía nin denunciaba nada.

Fago este longo preámbulo porque dáme a min que a saída de Manuel Vázquez da primeira liña política galega -teña ou non regreso no futuro- vai empezar a marcar, dalgún xeito, o fin dunha era, que se cadra non se pechará de todo ata cando Xosé Manuel Beiras dea o portazo definitivo (neste caso non forzado pola acción xudicial, senón pola súa incompatibilidade manifesta coas normas) na cancela de ferro do Parlamento.

E todo isto é bo ou é malo? Cabería preguntarse.

Si, xa sei que son tempos de rexeneración democrática, de pureza de sangue, de novas formas de organización política, de mareas cidadás, etcétera, etcétera.

Xa sei, tamén, que o que antes pasaba por peneiras de redes de tamaño dunha roda de afiar, agora non pasa polo ollo dunha agulla. Xa sei que iso todo está mudando a unha velocidade inédita.

E a condición humana? Cabería preguntarse, tamén. Tamén está mudando a condición humana?

É certo. Son consciente de que estas últimas son preguntas demasiado transcendentes. Pero, se cadra, deberiamos empezar a facelas, pois de pouco, de moi pouco, vale que mudemos as normas se no fondo da nosa propia condición humana, os de antes continuamos a sermos os mesmos. E, polo que se vai vendo, tanto pola banda de Laíño como pola banda de Lestrove, os egos, os caudillismos e os superheroes non só non decrecen, senón que van en aumento.

Te puede interesar