Opinión

Un fracaso

Se quixera facer unha aproximación ó número de columnas semellantes a esta que levo escrito ó longo da miña vida, estou seguro de que fallaría en centos porque nin as teño todas no meu poder, nin moito menos catalogadas.

En todo caso, non é presunción, nin falsa modestia, senón unha cuestión meramente aritmética, dicir que son varios os milleiros que andan repartidas fundamentalmente pola hemeroteca deste xornal.

Dende que apareceu esa xanela ó patio de corralas virtual que é o "facebook" tomei por costume, non sempre cumprida, colgar as columnas no meu muro unha vez saen publicadas no papel, co fin, non tanto de que a xente substitúa a lectura do xornal pola pantalla do ordenador, senón co fin de facerme chegar ós "amigos" que están fóra e cos que comparto convivencia a través desa xanela.

Como por experiencia propia sei dende hai moito tempo que o exercicio do columnismo é un exercicio solitario e que adoita ter poucos retornos -polo menos no meu caso- positivos, porque a xente ten moitas máis cousas que facer ca andarnos dando xabrón ós que temos o privilexio de expresar as nosas opinións na prensa diaria, e cndo son negativos é mellor non lelos, non é que teña ducias e ducias de comentarios ou "clicks" de complacencia a través do "me gusta", a non ser algúns incondicionais que de cando en vez me fan saber a súa opinión sincera sobre as súas concordan- cias ou non coas miñas cotiáns reflexións.

Hai uns días, sen embargo, no canto de pendurar do muro a miña intermitente columna -día si e día non-, colguei o resultado dunha vella afección que practico cando teño vagar nun pequeno obradoiro de bricolaxe ó que lle fun dando forma ó meu xeito dende hai uns cantos anos na miña casa de Amoroce.

O que fixen foi unha pequena escaleira de tixeira da que quedei sumamente orgulloso -máis incluso ca me acontece con moitas columnas cando as remato de escribir-, polo que decidín fotografala e compartir a imaxe cos amigos e de paso "presumir" un pouco das miñas habilidades na arte da transformación da madeira en obxectos cotiáns, con taladro, fresa, cala- dora, cola, algo de paciencia e moita evasión interior.

O que non agardaba eu era que a exposición da escaleira se convertera no meu particular "trending topic". Pois nunca dende que teño conciencia virtual do meu muro, unha columna por foi tan compartida e comentada polos meus "amigos" no "facebook", coma a imaxe da pequena escaleira de tixeira que hoxe forma parte -debo dicir de paso- do "atterezzo" dun estudo de fotografía.

O que fixo, pois, a escaleira non foi máis cá constatación dun fracaso que me está a facer pensar seriamente en deixar de escribir columnas e dedicarme ó nobre arte da carpintería para vender por internet. 

Te puede interesar