Opinión

Unha frase de cabeceira

Non é a primeira vez, nin creo que sexa a última, que me declaro, nesta columna, profundo admirador do proxecto da Fundación Santa María la Real que preside dende hai décadas o humorista gráfico e arquitecto "Peridis" na doce e pelentina localidade de Aguilar de Campóo.

Para aquel que non o saiba, direi que é unha fundación de interese social e cultural que xurdiu naquela pequena localidade da montaña palentina a finais dos anos 80, sendo pioneira na exploración das posibilidades de intervención no patrimonio arquitectónico e de desenvolvemento local que tiveron as primeiras escolas taller que foron programadas polo goberno de Felipe González, e que despois de conseguir recuperar na súa total amplitude un vello mosteiro derrubado que había en Aguilar e que, coma os de Celanova e Oseira conta co Premio Europa Nostra, hoxe ten entre os seus moitísimos haberes a realización dunha inxente enciclopedia sobre o románico -tamén o de Ourense-, polo que ten recibido, así mesmo, numerosos recoñecementos internacionais.

Onte tiven a oportunidade de volver por Aguilar, de xantar na pousada do recuperado mosteiro de Santa María, así como de visitar de novo a exposición de maquetas -outra das súas especialidades- de moitísimos monumentos románicos e posteriores que alberga o edificio, xunto coa proxección dun fermoso audiovisual sobre o ciclo vital anual dunha comunidade monacal naquela época altomedieval que axuda a contextualizar dun xeito certamente ameno cómo era a vida cotiá nos mosteiros daquela etapa histórica tan alonxada do noso tempo.

Ó rematar a visita, logo de volver pasar polo punto de información e de refollar algunha que outra publicación das que alí teñen á venda, reparei nunha frase que estaba acuñada nun dos paneis expositivos e que reproduzo de seguido no seu contexto orixinal: "Los monumentos de antaño son las rentas de hogaño".

Quen, frase tan lograda, asinou non foi outro có que fora prestixioso economista dos anos do "desarrollismo" franquista e posteriormente ministro de Adolfo Suárez, Enrique Fuentes Quintana.

Tan pronto a lin non fun quen de reprimir o instinto de fotografala e facer propósito de acuñala dalgún xeito nesta columna, porque, xa sexa en castelán de Carrión de los Condes -de onde Fuentes Quintana era natural-, xa en galego de Celanova, en portugués de Viana ou en sumerio mesopotámico, debería ser a frase de cabeceira de tódolos pobos que contan con patrimonio arqueolóxico e arquitectónico de seu, fronte a aqueloutra que andando o tempo acuñaría un responsable do patrimonio galego dun dos gobernos de Fraga Iribarne e que lamentablemente rezaba: "O monumento arqueolóxico mellor conservado é o monumento soterrado". 

Te puede interesar