Opinión

Galego coma ti

Camiño de Madrid, salvando a vía pola estepa matinal e chaira zamorana, venme á idea aquel vello lema acuñado no ano 1981 polos publicistas que deseñaron a aterraxe de Fraga Iribarne en Galicia, logo de perder a esperanza de ser algún día presidente de España.
Acéndenme a luz da memoria, unhas declaracións publicadas nantronte e emitidas pola face pública que representará en Ourense ó conxunto desa nova formación política da que todos falan -agora eu, tamén-, pero poucos -eu tampouco- coñecemos nestes intres.

E fai de interruptor do circuíto mental que me traslada ata tempos tan antergos, un mantra pronunciado polo dende onte líder ourensán desta formación, que agacha de seu un recoñecemento implícito ou unha evidencia da nosa propia condición como pobo.

Descubriunos entón, Fraga Iribarne, que seica era "galego coma ti". É dicir, galego coma nós. E descúbrenos agora, este dirixente da nova formación política, que son "tan españoles como gallegos".

Evidentemente, aínda que nun principio semellen esconderen certo parecido comunicativo, nada teñen que ver as dúas ideas-forza. E explicarei por que.
De primeiras, non sei se consciente ou inconscientemente, xa o feito en si do recoñecemento igualitario de ámbalas dúas condicións de sentimento de nacencia -ou, etimoloxicamente, de nación- (tan españoles como gallegos) agacha, como digo, un recoñecemento implícito de que no substrato social de Galicia conflúe unha certeza: A asunción maioritaria da existencia natural dun pobo. Pois, senón, con darlle a volta a mensaxe e dicir, por exemplo, "independientemente de en que lugar hayamos nacido, todos somos españoles", deixarían clara esa concepción unitaria de España que predican.

Pero, de segundas contén un erro de percepción, xa que logo, do mesmo xeito que, só porque eu son fillo de meus pais, son irmán de miñas irmás -e non ó contrario-. En consecuencia, os galegos, só porque somos galegos de nación, é que conformamos (é dicir, formamos con...) o país ou o estado -eu vou escribir, o pobo- español. De aí que nin sequera caiba unha perspectiva igualitaria como a que eles afirman, por máis que a nivel de lema programático ou para deixarnos entrever que tamén son "galegos coma nós" (non vaia ser...), crean que deben facer tal aseveración.
Evidentemente, alén de que moitos negacionistas aseguren que non é tal ou que é completamente imperfecta, o certo é que vivimos nunha democracia tan xenerosa que permite abrir o abano de esquerda a dereita, ou viceversa, ata límites tan amplos que, mentres uns nos queren fender a caxatazos outros quérennos atar con barazas.

Velaí a mellor demostración de que vivimos nun Estado libre e diverso. Tan diverso que resulta atractivo.  Incluso con tanto feísmo ideolóxico como se albisca, cada vez máis frecuencia polos campos da revolta.

Te puede interesar