Opinión

Galeguizar España

Entre as moitas e interesantes -algunhas- palabras que foron pronunciadas o pasado sábado no acto de entrega do premio Ourensanía, no Teatro Principal, gardei eu nun rincón do meu sentido, dúas que foron pronunciadas polo presidente da Xunta e que, de contado, repetirei.

No balbordo previo ó estourido final da crise que o Estado ven vivindo en Cataluña, escribín unha columna que titulei "os da terceira vía", na que facía referencia a un movemento social que había un tempo que xurdira naquela comunidade e que ó meu ver debería ser tomado coma un dos moitos fíos cos que haberá que comezar a confeccionar o novo traxe que entre todos lle teremos que facer a esta "cousa" que para algúns resulta impronunciable, pero que malia todo continúa chamándose España.

Non o dicía así, pero apuntaba eu tamén que só dende unha educación integradora e centrada na diversidade (que non na diferencia) que a parte de identificarnos debería enriquecernos a todos, seriamos capaces de superar este inestable precipicio polo que andamos camiñando. E puña como exemplo de partida que, entre outras propostas, non estaría de máis promover o coñecemento elemental de tódalas linguas que definen, pois, como ben dixo o clásico, resulta moi difícil, cando non imposible, ter querencia polo que non se coñece.

Interpretando -creo que por primeira vez- con tino o que (alén da superficial caricatura coa que algúns pretenden banalizar ou ridiculizar o significado da ourensanía), o presidente da Xunta dixo que estaría ben tomar como alicerce ese carácter universalizador dende a raigame co que a grande maioría dos ourensáns nos movemos polo mundo e esa asunción do galeguismo integrador ó que tamén lle damos lectura dun xeito certamente singular respecto das outras xentes de Galicia, para tratar de promover un movemento que hoxe por hoxe lle faría moito ben á sociedade española no seu conxunto, e que no é outro có de promover a "galeguización de España".

Si. Xa sei que a superficie pola que esoutro día camiñou o presidente pola que eu ando a camiñar arestora é sensiblemente esvaradiza, e igual que lle acontece a algúns co concepto ourensanía, que, ou non o entenden ou simplemente non repararon cunha mínima profundidade nel, tamén lle pode pasar o mesmo con esa idea simple, pero profunda, de tratar de "galeguizar España".

Hoxe mesmo entrou no meu muro un comunicado do Partido Ibérico Íber, no que propoñen que se concrete a implantación dunha materia chamada "Lenguas Ibéricas" en Primaria e Secundaria.

Velaí, pois, por onde o presidente pode comezar a "galeguizar España". Por asumir esta proposta e trasladala alí onde poidan darlle forma para ben da común convivencia das xeracións futuras.

Te puede interesar