Opinión

Galicia como exemplo

Andou pola capital da provincia, esta fin de semana, un dos candidatos inscritos para tratar de recompoñer esa especie de espantallo monumental no que se ten convertido o Partido Popular a nivel estatal.

Andou por Ourense e por algún outro lugar da nosa comunidade e, entre algunhas que outras declaracións recollidas nos xornais, linlle unha que me fixo cavilar en cantas veces o terei escrito, pero en versión real e non apócrifa -é dicir, partidaria- como teño entendido que debeu declarar.

Dixo -seica- o candidato Casado, que decidira comezar a súa carreira para optar á presidencia do seu partido porque "o PP de Galicia é un exemplo" que deberían imitar os outros colectivos populares do mapa autonómico nacional.

Supoño que a estas alturas, xa terá a cabeza ocupada memorizando flashes informativos que ir lanzando por aquí e por acolá doutros puntos cardinais da xeografía hispana, polo que dubido moito que teña vagar para ler esta reflexión.

Ora ben, de ter lecer para facelo e diríalle que no canto de ver o seu partido como exemplo, fixera un esforzo de abstracción por elevación e tratara de interpretar, non tanto ó PPdG como exemplo, senón a Galicia como exemplo dunha convivencia alternativa nese diverso mosaico do que formamos parte uns e outros dende que os tempos son tempos e os reinos de taifas un capítulo da historia universal.

Se quixera levar por esa vía ó seu partido, cando teña mando na oficina principal, recomendaríalle eu que lle dixese, por exemplo, os seus correlixionarios cataláns, que non pasa nada por vivir as súas cotidianidades en catalán. Recomendaríalle que lles dixese ós seus colegas madrileños que aprendesen a derivar a palabra diversidade e a borrar do subconsciente aquel vello lema que acuñara Franco -velaí canto, dende aquela, vai!- e que debuxaba a España como "una, grande y libre", aconsellándolles de paso que "soltasen gas" e deixasen de se sentiren os garantes das unidades patrias.

Diríalle tamén que se achegase por aquí con máis frecuencia e tomase nota de como unha sociedade pode ser e sentirse profundamente galega sen que iso teña que entrar contradición fragrante coa súa condición colectiva de español.

E finalmente diríalle que, se cadra, o día que o seu partido comece a explorar esa terceira vía que no ámbito da convivencia colectiva representa a nosa terra respecto das outras dúas fórmulas xa exploradas -a da violencia desatada e a da desobediencia exacerbada- outro galo lle cantaría a esta España cada vez máis invertebrada por moi inveterada que se sinta.

En fin, que poña a Galicia como exemplo antropolóxico da nosa convivencia nacional e se cadra levará unha agradable sorpresa que agradeceremos todos.

Te puede interesar