Opinión

Hemorraxias no peto

Vexo unha fotografía na páxina destinada ó xornalismo cidadán que diariamente recolle este xornal baixo o epígrafe de "cronistas urbanos" e, por empatía co que nela se reflicte, propóñome escribir sobre o asunto, sobre o que estou esta tempada un tanto sensible.

O xornal onde se recolle a denuncia gráfica que reclamou a miña atención é o do pasado xoves e ten que ver co estacionamento do hospital, do que todos andamos a escapar e no que acabamos esnafrándonos finalmente despois de decatarnos de que atopar un buratiño onde caiba o coche e máis dunha quilómetro á redonda é un imposible metafísico.

Denuncia a muller que asina a foto, a odisea á que fago referencia para estacionar nos arredores do hospital e o inexorable que supón ter que acabar co coche dentro dalgunha das plantas do parking, correndo o risco de perder pintura por algures, tanto porque ti lla poidas arrancar nunha das moitísimas manobras á que te ves obrigado en espazos tan reducidos, canto porque calquera pode acabar contra o teu coche cando xa ti estás estacionado, exactamente polas mesmas razóns polas que ti te velas de non mover unha columna de sitio, tanto ó entrar coma ó saír daquel inmenso burato.

Ó mesmo tempo, a muller -supoño que non moi maior, polo vehículo que utiliza- tamén denuncia o caro que é o devandito estacionamento, un estacionamento que un non utiliza para ir ver un espectáculo de ópera, para ir a un partido de fútbol ou mesmo para ir á praia -é dicir, para un evento de ocio-, senón para ir a unha consulta médica, para ir visitar a un familiar ou a un amigo que poidan estaren ingresados ou incluso para acompañar ó paciente de noite. En todo caso, non por capricho, senón por pura e imperiosa necesidade.

Pois ben, aínda que non me dediquei a documentar unha comparativa de prezos con outros estacionamentos da capital, dis que é, con diferencia, o estacionamento máis caro da cidade.

Descoñezo quen debe controlar os prezos no caso concreto do actual, aínda que se non estou mal informado creo que en parte o asunto pasa pola Deputación provincial, porque da Deputación provincial -ou sexa, de todos- son os terreos onde foi construído o edificio que o alberga, como públicos -ou adquiridos con diñeiro público e construído con diñeiro público é tamén o estacionamento -entendo que á espera dun concurso público de adxudicación da súa explotación- que aínda está pechado perante o novo edificio do hospital.

Pero que descoñeza iso non quere dicir que non teña dereito a sumarme ás denuncias cidadáns, porque se xa é desgraza de seu que teñas que ir curar unha hemorraxia ou atender a algún familiar que a sufra, que por riba che provoquen impunemente unha hemorraxia no peto aínda cabrea máis.

Te puede interesar