Opinión

A historia é coma un pano da man

Descoñezo se alguén o dixo e por se non o dixo ninguén, dígoo eu: A historia, coma o mundo con certa frecuencia, é coma un pano da man.

Ven, esta aseveración, a conto do asunto que en segunda entrega traio hoxe a colación, despois da "presentación" que fixen esoutro día dun tal Urbano Feijóo que quixo solucionar os problemas de sobrepoboación e de pobreza que Galicia arrastraba para a súa desgracia, alá polos anos 50 do século dezanove, nun proxecto de traslado de man de obra galega a Cuba, ben trazado na súa cabeza pero irrealizable no seu conxunto pola confrontación de intereses existentes na illa e que acabou abocando a preto de dous mil mozos galegos á explotación e escravitude , e cando non á morte, nos campos de caña de azucre do Caribe.

E digo iso do "pano da man", porque do mesmo xeito que nun lugar calquera do mundo atopas a veciño ou a un coñecido cando menos o esperas, turrando do fío, tamén nesta historia -que hai uns días era para min completamente descoñecida- acabei atopando farrapos de enlace coa historia -mellor dito, coa longa e ricaz historia- da miña vila natal.

Dado que a Rede é así, coma cestas de cereixas, ó empezar a documentar a este tal Urbano Feijóo acabei dando coa esquela doutro tal Urbano Feijóo, probablemente fillo deste e no seu caso con denominación ó cadrado, pois tal como reza nunha esquela publicada o 6 de outubro de 1959 no diario ABC, o seu nome completo era o de Urbano Feijóo de Sotomayor y Feijóo de Sotomayor.

Pero, o máis curioso deste segundo Urbano Feijóo non era que o seu apelido tan rampante se vise dobremente repetido, senón que entre os títulos nobiliarios que ostentaba, ademais dos cargos de "ex-embajador en Liberia, ministro plenipotenciario, Gran Cruz de la Orden del Mérito Civil, Gran Cruz de la Estrella de Liberia, Encomienda de Número de la Orden de Isabel la Católica, del Águila Alemana, de la Orden del Mérito de Ecuador, etc.", tamén aparecía como "Marques de Santa Ilduara" e "Vizconde de San Rosendo", é dicir, o bispo fundador de Celanova e a súa nai, fundadora, así mesmo, do abadía feminina de Santa María de Vilanova.

Non me dirá, benquerido lector, que isto de navegar pola Rede deixándose levar polos alisios suaves da curiosidade non é, cando menos, productivo e pracenteiro! E sobre todo, menos perigoso do que o foi para aqueles dous milleiros de coitados galegos!

Direi, para rematar, que tanto o marquesado de Ilduara coma o vizcondado rosendiano aínda están vixentes e osténtaos, dende o ano 2008, un tal Diego Maquieira que descoñezo se mantén vencellos familiares cos dous Urbanos e se sabe onde queda Celanova.

Te puede interesar