Opinión

Investimentos "para" ou "en" Ourense?

Hai unha cantinela anual semellante á dos nenos de San Ildefonso no día 22 de decembro, que en versión apócrifa ven a ser de tal xeito: "Trinta e dous mil oooooitocentos...!" É o código de Ourense. "448 millooooóns de euuuuros!". Unha cantinela que, sinceramente -permítame a licencia-, xa me cheira.
Por se non se decatou, o que acabo de entoar é a contía -loxicamente, noutros anos diferente- que cada ano aparece nos orzamentos do Estado con destino á inversión para a nosa provincia.

É certo que visto así, sen máis, non sonaría nada mal, pois con preto de 500 mil millóns para investir nun ano ó longo da xeografía provincial, se o reparto fose feito con sentidiño, estou seguro de que nos axudaría a recuperar poboación e, polo tanto, vida.

Pero, como sempre acontece -é velaí por que xa fede tal estratexia-, as contas non son tan certas como din os que as defenden (evidentemente, os representantes do partido do goberno, que falan máis como militantes do partido ca como ourensáns), pois a nada que un comece a debullar a espiga do millo orzamentario, decatarase de que máis do 90% do gran vai caer no cesto das obras do AVE, polo que o case irrisorio 10% restante non chegaría nin para mercarlles o biberón ós bebés dos posibles repoboadores. Poñamos por caso, se non, os insultantes 400 mil euros destinados a un Museo Arqueolóxico que, despois de tantos anos de silencio e esquecemento, xa deixou de ser museo para pasar a ser simplemente outra ruína arqueolóxica.

E, para non ser mal entendido, nin chatado de agoireiro, explícome de contado no pouco espazo que queda.
Para iso, fareille unha pregunta e unha comparativa, que ven a ser coma a proba do algodón no anuncio ou coma a do nove, na escola.
Realmente, vostede cre que eses 406,7 millóns de euros destinados ó AVE é un investimento para Ourense? Pois eu, por máis que lle sorprenda, créolle que non e, polo tanto, non se nos pode enganar dicíndonos, ano tras ano, que somos a provincia galega que recibimos máis investimento do Estado.

E non se nos pode embobar con iso, porque ese investimento é un investimento transversal "en" Ourense. E non un investimento "para" Ourense.
É certo que Ourense vaise ver beneficiado. Ata aí podiamos chegar! Ora ben, non máis có resto das estacións término da rede do AVE. Ou sexa, Vigo, Santiago e A Coruña.

E, se non, contésteme a isto: A construcción do túnel do Guadarrama beneficia máis ós habitantes da comarca madrileño-segoviana ou ó resto da denominada cornixa cantábrica?

E non lle pregunto xa a quen benefician os encoros que viñeron coa néboa porque se me afogan as letras no fondallo da columna.

Te puede interesar