Opinión

Irei a Vigo...

Permítome parafrasear a Celso Emilio cando escribiu aquela fermosa e musical composición poética, tan ben interpretada -debo dicir, de paso- por Suso Vaamonde e dedicada a Ribadavia, que comeza dicindo: "Irei a Ribadavia/ cos melros do mencer./ Chegarei todo ledo/ unha mañá de mel (...).

Dareille eu continuación apócrifa, recitando: "Irei eu a Vigo/ pola vía do tren./ Ó chamado da historia/ e do Pergamiño Vindel".

O día non me deu vagar para poder acudir na xornada inaugural, nin falta que fixo porque nese tipo de actos o único que acabas é repartindo saúdos e cumprimentos por aquí e por acolá, é dicir, facendo de todo menos gozar da exposición.

Seguro estou, sen embargo, de que acabarei atopando lecer para poder saciar ó seu pé a curiosidade emocional que como galego sei que hei sentir diante desa cuartilla de papel medieval onde se rexistran algunhas das máis antigas rimas da nosa vella e fermosa lingua.

Seremos milleiros, sei, os que de aquí ó mes de marzo faremos o mesmo, aproveitando para visitar de novo ese fermoso edificio que lle chaman Museo do Mar de Vigo, onde -quixo a casualidade- que hai xa uns anos algúns tiveramos o pracer de escoitar, musicadas, algunhas das moitas fermosas letras de Celso Emilio.

Irei, repito, por obriga de meu, igual que teño ido de vez, visitar a catedral en Compostela, o dolmen de Dombate, o castro de Baroña ou muralla de Lugo. Irei porque de ben nacidos é ser agradecidos. E agradecidos debemos ser con aqueles que por diversos lugares do mundo souberon custodiar ó longo do tempo o que por cuestións que se me escapan e que seguro ha saber ben o comisario da mostra, Francisco Singul, nós non fomos quen de facer. E dun xeito especial, por agradecerllo ó libreiro Vindel, de quen o documento recibe hoxe o seu nome, ocultando -seguro que sen el pretendelo- o do cantor Martín Códax.

Irei, porque, como ben dixo Castelao e eu reproduzo, tamén en versión apócrifa, o idioma é un patrimonio de nós tan importante -ou máis- cá Catedral de Santiago e só con documentos así diante dos nosos ollos poderemos visualizar esa dimensión que nos produza vertixe e nos obrigue a non maltratalo como a cotío o maltratamos.

Pero irei tamén -permítame, lector- unha ollada á miña patria pequena, porque ó seu carón, calquera que se achegue estes meses ás ondas do mar de Vigo, poderá contemplar tamén unha peza de contextualización da época na que Martín Códax deixou escritos os versos de amigo, que forma parte do inxente e non popularmente coñecido patrimonio celanovés, como é o Cristo Redentor de Vilanova dos Infantes.

Te puede interesar