Opinión

....e iría Castelao?

Logo do -digámolo así- cruce de pareceres que se suscitaron tralo desenvolvemento protocolario do acto de entrega das medallas Castelao relativas a este ano, provocado, por unha banda, pola ausencia do alcalde de Santiago, pola outra, polo anuncio del mesmo e dos seus homónimos da Coruña e de Ferrol de non asistiren o próximo día 25 de xullo á ofrenda do Apóstolo e, finalmente, polas palabras pronuncias en acto institucional -que non sempre teñen por qué ser institucionais- do presidente da Xunta, a pregunta que se me suscita a min dende a distancia é clara, pero de imposible resposta porque el xa non pode responder: De estar aínda entre nós, iría Castelao ó acto de entrega das medallas que levan o seu nome?

Velaí a cuestión principal.

Pero aínda hai máis:

Estaría de acordo, Castelao, co formato que regula a consecución das súas propias medallas?

A fórmula dun Decreto da Xunta de Galicia é a máis axeitada para un recoñecemento tal?

Non se solapan, as Medallas de Galicia (que estas si teñen sentido seren concedidas por Decreto do Goberno galego), coas de Castelao?

E aínda máis: Se o polígrafo puidese intervir, mandaría parar de contado o allado debate sobre quen é propietario do seu legado ou animaría a alimentar ese debate para ver de conseguir finalmente un consenso arredor da súa figura, que se me antolla a min que xamais se dará?

Como acabo de escribir enriba, son incógnitas que dificilmente o propio Castelao nos poderá clarexar. Por iso eu son dos que penso que para manter a honra dun persoeiro que xa non está, tan perigoso é mentar a esa figura para reprocharlle a uns que non asistan a un acto na súa memoria, como pronunciar o seu mesmo nome para facer declaración de propiedade intelectual e considerar case blasfemos a todos aqueles que o menten sen pagarlles a maquía que outorga licencia para podelo citar.

Agora ben, se algunha máxima queda clara neste debate anual, isto é: Se o debate está permanente aberto é porque a fórmula que foi acordada no ano 1984, se cadra non é a máis axeitada e poida que mereza unha revisión formal que debería ser trasladada de vez ó Parlamento de Galicia, que é, sen lugar a dúbidas, o lugar máis acaído para poñerlle punto final.

Loxicamente para recoñecer anualmente a un ou a media ducia de persoeiros significados de Galicia non é preciso facer un referendo anual, pero, polo propio nome dos premiados e da memoria do que os premia, o recoñecemento debería ser o máis consensuado posible.

E iso só se consigue no Parlamento. Iso si, deixando a un lado que uns son os seus propietarios naturais e os outros uns usurpadores da súa vontade matricial.

Te puede interesar