Opinión

Isto só pode ser cousa do Ramón!

Din que un creador acada o cumio da súa personalidade artística cando sen necesidade de procurar a firma na súa obra, tan só con ollar para a peza, xa sexa por un simple detalle, xa polo valor do conxunto, o observador pensa para os seus adentros: "... isto é de fulanito -ou fulanita- de tal!".

Acontece tal cousa con multitude de pintores, escultores, músicos, deseñadores, mesmo arquitectos ou fotógrafos, dos que seguro que nestes intres terá vostede algunha obra na súa memoria.

Pois ben, reflexionei eu sobre isto hai uns días, ó fío, non da obra dun artista -que no fondo, á súa maneira, tamén o é-, senón dunha singularidade creativa que de seguido lle describirei.

Levaba tempo, eu, sen me achegar por un dos restaurantes da Merca -mellor dito, polos dous que se manteñen abertos na capitalidade do municipio- e fixen esta fin de semana estadía nun deles, por mor dunha festa familiar, o "casal" dun meu sobriño, que lle chaman en Portugal.

O día era, coma todos estes últimos, caloroso e a cerimonia previa tivera lugar na capital, sendo, polo tanto, o devandito restaurante da Merca, o lugar elixido para o xantar, polo que tan pronto estacionei o coche sentín unha necesidade imperiosa de me achegar ó "aliviadeiro", lugar que por suposto xa coñecía doutras merendas, ceas e xantares que ó longo de tantos anos afortunadamente teño celebrado alí.

Entón foi cando, mesmo dende a distancia -porque o cartel, aínda que manufacturado, era de xenerosas dimensións- puiden ler: "Rincón das necesidades".

Evidentemente, no mesmo intre no que lle din lectura á lenda, igual que me acontecería ó ver unha ponte de Calatrava, un cadro de Antonio López ou unha foto do seu veciño, Manuel Outomuro, exclamei: "Isto só pode ser cousa do Ramón!"

Porque o Ramón, "O Barbas", como lle chaman -como lle chamamos- os que lle queremos, que somos lexión, é así, protocolariamente correcto, cortés e considerado ata a extenuación, razón pola que no seu negocio, "O mesón do labrego", non podía ter cabida nin "water", nin retrete, nin ordinarieces semellantes, por máis que foran escritas mesmo co ilexible acrónimo de "WC".

É posible que, polo tempo que leva alí colocado, eu xa estivera no seu negocio varias veces e, sen embargo, non o vira. E é que o feito de descubrir detalles nunha obra artística non depende só da pericia do creador, senón tamén do estado de ánimo do observador.

E velaí que foi o sábado cando a miña sensibilidade de observador coincidiu coa que o Ramón lle impregnou ó devandito cartel, resumindo en tal eufemismo toda unha filosofía coa que -alén da anécdota- ó longo de toda a súa vida ten sabido gañar o afecto e o respecto de xentes de toda caste e condición.

Te puede interesar