Opinión

Kepa

As últimas noticias das que se fan eco os medios de comunicación vascos son tranquilizadoras, no sentido no que afirman -Deia, dixit- que "mejora lentamente de un ictus en Bélgica".

Se vostede non é asiduo ás redes sociais -cousa puco común, xa, nos tempos que corren-, xa sexa por medio do ordenador persoal ou do teléfono móbil, é moi posible que non saiba a noticia que reproduzo do diario euskaldun fai referencia ó que lle aconteceu a un dos  principais protagonistas do pasado festival de cine, o músico bilbaíno, Kepa Junquera.

E afirmo que foi un dos principais protagonistas porque todos os que estabamos a noite da inauguración do festival no auditorio ourensán non me deixarán mentir se aseguro tamén que foi gracias á súa bonhomía, transparentada no documental previo, e á admiración que sinte pola Galicia auténtica, a que fixo posible de súpeto nos mergullásemos nun ambiente certamente máxico, deses que dificilmente se repetirán e que, polo tanto, dificilmente esqueceremos.

Se non hai limpeza na mirada e autenticidade nos sentimentos, evidentemente iso non se logra transmitir a través dunha cámara, por moi bo que sexa o actor protagonista e moito menos se o protagonista non é actor, nin sequera secundario.

Kepa Junquera, dende a lonxanía cotián dun casarío ó pe do mar Cantábrico, impartiunos aquela noite unha verdadeira lección de amor ás nosas raíces antropolóxicas, a través -repito- da mirada limpa dun namorado explorador das súas propias raíces étnicas.

Adoita ser común -a antropoloxía galega está ben salferida de profundas e certeiras miradas alleas- que de cando en vez se chegue alguén por onda nós e nos amose os valores e os encantos que atesoura o noso patrimonio cultural. Valores e encantos nos que non reparamos, simplemente porque forman parte da nosa común cotianidade.

Pois ben, sen grandes aspaventos técnicos, nin esaxeracións mediáticas, onde non tivo cabida ningunha licencia audiovisual programática que non fose a verdade fronte á cámara -é dicir, a simple peito descuberto-, foi o que lograron facer Kepa Junquera, Javier Torcuatti, José Antonio Blanco e Rubén Cao, ó decidiren enfrontarse á realización dun documental sobre algúns dos máis afamados e auténticos entroidos ourensáns -tamén había dous da Ribeira Sacra lucense- que todos coñecemos de sobra, pero probablemente non tan de preto como nolos amosou a -repito- mirada limpa de Kepa Junquera.

Un vídeo no acto de clausura, informounos de que lle tocaba estar en Bélgica e case nos pediu desculpas por non ter podido repetir estadía no auditorio.

Agora, a fada maléfica que todos levamos dentro e que aparece cando menos un o espera, manteno deitado na cama dun hospital belga, á espera dunha recuperación que os ourensáns sabemos breve porque levamos días invocando ós espíritos irredentos do Entroido para que denantes da coresma o traian connosco de novo.

Te puede interesar