Opinión

As tres lareiras

Acabo de chegar de Padrón, onde tiven a oportunidade de participar nunha fermosa iniciativa que este ano puxo a andar, con motivo do 180 aniversario de Rosalía de Castro, a Fundación que leva nome da poeta padronesa-compostelá.

Con tal motivo, os padroneses tiveron onte a oportunidade de degustar por vez primeira e en máis de dúas ducias de bares e restaurantes da vila, un "caldo de gloria" ó estilo das rimas rosalianas, seguindo unha receita que a autora escribiu no poema "Miña casiña, meu lar".

Eu, ó igual que Anxo Angueira -o presidente da Fundación Rosalía- e outros moitos que sachamos no cotián nas leiras da xestión cultural, son dos que pensa que a cultura galega leva décadas cometendo un grave "pecado" de necrofilia, seguindo -probablemente dun xeito inconsciente- o Evanxeo e, por mera empatía haxiográfica, adoitamos "beatificar" ós autores de referencia da nosa cultura, converténdoos en "santos laicos" da música, da pintura, da escultura ou da palabra e, con tal motivo, cando chega ó aniversario do seu pasamento, acostumamos a irlles "rezar" ós cemiterios, celebrando unha ofrenda floral e un apurado recital poético, polo aniversario da súa morte.

Non crea que cheguei a esta conclusión por xeración espontánea, senón despois de ter participado e mesmo de ter organizado "uns cantos" ó longo da miña traxectoria profesional. Por iso cada vez que podo, sen tratar de quedar mal cos que me convidan, fuxo deles coma do lume. E por iso, cada vez con máis insistencia, cando se trata de honrar á memoria dun persoeiro e eu teño algo que ver no deseño da actividade que o distinga, procuro que o acto sexa para "celebrar a vida".

Celebrar a vida como onte celebrou Padrón a Rosalía e como ó longo de todo este ano celebraremos  igualmente, en Celanova e Ponteceso, a vida -a longa vida- do rexurdimento que representan Curros, Pondal e Rosalía.

Hai unhas semanas, os medios de comunicación galegos -este, entre eles- deron conta de que estas tres vilas -a xeito de franxa azul imaxinaria sobre o mapa de Galicia- porán en marcha o Itinerario do Rexurdimento. E farano dende a perspectiva de "celebrar a vida" dos tres autores, facendo patente a omnipresencia da pegada que ecoa diariamente nas súas casas e do que o seu legado significa para a permanencia de nós como pobo.

A casualidade (agora chámanlle tamén serendipia) quixo que as súas tres boas casas conten con cada unha súa fermosa e ben construída lareira.

Pois ben, das tres sairá pronto fume branco que anuncie novos xeitos de reivindicarmos a cultura, como queda dito, do mesmo xeito que onte celebrou Padrón o "caldo de gloria" de Rosalía.

Te puede interesar