Opinión

"Little" Ourense en NY

Anda de actualidade unha novela da autora de "El tiempo entre costuras", que tanto éxito tivo hai uns anos na televisión e que tamén conta cun fío conductor que nos conecta con Ourense, non en van un dos principais responsables da adaptación da novela á exitosa serie de televisión foi o ourensán de Celanova, Carlos Montero.

Anda agora de actualidade María Dueñas -que así é como se chama a escritora referida- por outra novela que baixo o título de "Las hijas del capitán", conta a historia -seica- de tres mozas que nos anos trinta tiveron que se facer cargo dun restaurante chamado precisamente "El capitán", en pleno Manhattan neoyorkino, amosando así o ambiente dunha zona da gran mazá onde asentaron milleiros de españois naquela época, creando unha comunidade que aínda que non foi tan famosa coma a recoñecida "Little Italy" ou o "barrio chinés", acabou sendo tamén recoñecida como a "little spain".

Non é, María Dueñas, a primeira que se encarga de divulgar o ambiente español daqueles anos xurdido arredor da rúa 14 e da masiva chegada de españois ó porto neoyorkino, onde desemboca a devandita rúa, pero, polo visto si está chamada a ser a súa grande divulgadora se temos en conta o nivel de divulgación publicitaria que acadou estes días o seu lanzamento bibliográfico.

Un lanzamento que tivo lugar nun escenario emblemático para os españois residentes en Nueva York e que leva por nome "La Nacional", que á vez de ser un centro social que axudou -e moito, seica- ós que non tiveron sorte naquela aventura migracional e á que me teño referido nesta columna noutras ocasión porque, por máis que se chame así, "La Nacional", ó longo de moitos anos foron -e aínda son, se non estou mal informado- os galegos os que se encargaron da xestión do seu bar.

Galegos de Ourense, evidentemente, porque "os de Ourense son diferentes e eu quérome cos de Ourense", díxome unha vez un coruñés en pleno Centro Ourensán de Newark, unhas cantas millas ó sur de Manhattan e ó outro lado do río Hudson.

Galegos de Ourense, coma José Pérez, que xestionou durante décadas "El Faro", a poucos centos de metros da "14", ou que aínda xestionan o "Toledo" ou o "Spain", na rúa numeraria xustamente anterior, a rúa 13, o último referente ourensán que mantén as súas portas abertas naquela zona "onde nada se parece, xa, a aqueles tempos", segundo me dicía esoutro día o seu propietario, Julio Díaz, por máis que el aínda sexa hoxe o principal distribuidor da cervexa "Estrella Galicia" de todo USA.

Non mo creará, pero se agora me puxera a contabilizar, aínda sería quen de colocar máis de dúas ducias de nomes de restaurantes "ourensáns" naquela lingua de terra tan envexada polo resto do mundo e ós que algún día haberá que lle contar tamén a súa historia. Tempo haberá.

Te puede interesar