Opinión

Loito en Gostofrío

Corría un día calquera do ano 1999, cando unha chamada de Luís García Mañá me propuxo un pequeno reto que ata aquel momento non explorara durante os anos que xa tiña dedicados a este oficio da escritura xornalística.

"Hante chamar do Eixo Atlántico para pedirche unha pequena colaboración literaria", adiantoume, fornecéndome logo algunhas explicacións que ó mesmo tempo que me fixeron sentir agradecemento pola proposta enchéronme de preocupación porque o que me propuña era transitar por un sinxelo pero para min descoñecido camiño de exploración creativa no ámbito deste oficio da escritura xornalística polo que eu nunca me atrevera a transitar.

"Pedíronme que lles dera catro nomes -continuou García Mañá- para escribir outros tantos relatos -dous de cada lado da fronteira- que queren publicar nun libro para repartir polas escolas das cidades que forman parte do Eixo Atlántico, e dinlles o meu e o teu por parte galega e o do Padre Fontes e Bento da Cruz por parte portuguesa".

Tratábase, pois, de escribir un relato curto no que a fronteira quedase representada dentro dos valores da solidariedade, a colaboración e a convivencia entre as xentes dun e doutro lado da raia. O libro titularíase -e titulouse- "Contos sen fronteiras".

Sempre lle estarei agradecido a García Mañá porque, se cadra, sen aquela primeira proposta nunca tería sido quen de salvar os prexuízos para mergullarme no engaiolante universo da escritura creativa.

Sempre lle estarei agradecido porque, despois daquel "A Casa da Neve", perdín o vértigo e logo fun quen de escribir preto dun cento de relatos que foron saíndo publicados cada mes na revista Auria, de bos recordos para moitos ourensáns e de gran estima para a miña propia traxectoria.

Sempre lle estarei agradecido por iso. Pero, sobre todo, por terme dado a oportunidade de colaborar daquela con el, co Padre Fontes e con Bento da Cruz, e poder establecer relación de afecto con estes dous tan humildes como excelsos persoeiros deste cosmos arraiano que formamos os que moramos dos dous lados da fronteira.

Hoxe pola maña lin nas entradas de varios amigos na rede, portugueses, que faleceu o segundo deles, Bento Gonçalves da Cruz, un médico estomatólogo nacido na pequena aldea de Peireses da Chá (Montalegre), á que está previsto que retorne para sempre mañá pola tardiña (hoxe, para vostede, benquerido lector) dende a cidade de Porto, dende a cal, ademais de desenvolver unha prestixiosa traxectoria profesional, foi quen de crear un universo literario propio ó xeito da mellor herdanza de Miguel Torga, con personaxes coma o Lobo guerrilleiro ou a Loba, nesas terras do planalto Trasmontano que dende onte están de loito e que el bautizou como Gostofrío.

Te puede interesar