Opinión

Máis leis, boas leis

Hai uns meses, no transcurso dunhas xornadas de reflexión sobre o papel que debe xogar a cultura no ámbito do desenvolvemento rural, que tiveron lugar nunha fundación que lle legou o impulsor da cervexa mexicana Coronita á súa aldea natal situada na cara o norte da provincia de León -concretamente nun pequeno pobo chamado Cerezales del Condado-, un dos moitos asistentes que alí nos demos cita preguntoulle a un dos intervintes, que rol debería xogar a administración perante a execución dalgúns proxectos que a miúdo poñen en práctica, con moito esforzo e moi poucos recursos, os habitantes de calquera lugar, ó que o conferenciante -galego, penso recordar- lle contestou, todo cheo de razón, algo así como que con frecuencia só con que non puxese problemas xa facía moito. É dicir, que con frecuencia o mellor que podía facer a Administración era, simplemente, non facer nada, ausentarse e non incomodar con leis, decretos e regulamentacións que ó final para o único para o que serven é para incordiar.

Aínda que daquela xa escribín sobre isto, volveume vir á memoria, aquel episodio, mentres escoitaba a intervención do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, nun foro do Hostal dos Reis Católicos, onte pola mañá, coincidindo co momento no que fixo un repaso rápido sobre o potencial lexislativo que atesouraba o noso Parlamento -o máis acti vo ou un dos máis activos, seica-, asegurando, ó mesmo tempo e con moita dose de sentido común, que  non só é cuestión de redactar máis leis, senón redactar boas leis, que xeren beneficios e non prexuízos entre o conxunto dos cidadáns para os que estas son creadas. E veume a idea porque, non sei por que, pero dáme que logo de preto de catro décadas de parlamentarismo do Estado das Autonomías, algo de burbulla regulamentaria debe haber tamén. Unha burbulla normativa que no canto de facilitarnos a vida ós administrados, o único que fai é complicárnola de máis.

Que llelo pregunten, senón, a cazadores e “pescantís”, empresarios e autónomos, universitarios e docentes, sanitarios e transportistas, avogados, notarios, rexistradores ou xuíces, por poñer soamente algúns sectores profesionais que, dependendo o lugar concreto no que exerzan a súa actividades profesional teñen que ter en conta, ademais da normativa xeral estatal, o abondoso caudal lexislativo autonómico, alén das ordenanzas municipais que a miúdo son quen de se sumar paseniñamente e sen avisar ó rebumbio normativo.

E digo iso porque, aínda que seguramente está máis ca estudado e cuantificado o número total de leis, reais decretos, decretos, ordes e demais, que agachan en centos de milleiros de páxinas os 17 boletíns parlamentarios, ademais do estatal, se cadra estaría que cando se xunten os presidentes dos parlamentos autonómicos, reflexionen –seguro que xa o fan- arredor disto.

Te puede interesar