Opinión

Manual de resistencia pirata

Agora, en versión cinematográfica, chámanlle facer "spoiler" porque xa se sabe que se o "conceto" se pronuncia en inglés, o asunto pasa a ser "concept" e isto ven a ser coma se de súpeto Manquiña se transformase en George Clooney. É dicir, non hai color.

Quero dicir que cando alguén conta os aspectos fundamentais dunha historia calquera, independentemente do soporte físico que a conteña, de forma que os que escoitan o relato oral perden de contado todo o interese que podían teren por ler o libro ou ver a película, porque xa carece de emoción, a iso é o que agora se lle chama "spoiler" e antes recibía a denominación eufemística, pero máis nosa, de "destripar un libro".

Pois ben, levaba eu toda a xornada, dende denantes de que a superlúa desaparecese polo horizonte occidental e o sol acendese a luz dun novo día deste inverno montaraz, escoitando como por aquí e por alá, oralmente e por escrito, todo o mundo estaba encomendado ó oficio de lle quitar a pel a tiras -nunca mellor dito, cómicas- ó xa "betseller" nacional, "Manual de resistencia", cando na conversa familiar de sobremesa tocou falar, como non podía ser doutro xeito, do efecto contrario que estaba provocando no lector esa sorte de destripamento colectivo neste caso, xa que cada extracto que aparecía viña a superar ó extracto anterior, de forma que, no canto de provocar a perda de gañas pola súa lectura, semellaba animar a súa compra co fin de saber se só eran pequenos resumos ou parágrafos perfectamente seleccionados chamados excitar a lectura, como resposta ó deseño dun plan de  marketing ben estructurado e perfectamente aplicado para que empurrase ó lector en xeral -non só ó militante do partido- a mercar o libro e que este se convertera, como supoño que así vai ser, nun auténtico éxito comercial.

Pero cando xa case estabamos convencidos en proceder á súa compra para comprobar se todo canto estaba saíndo á luz -a saber, a historia do colchón e da pintura, a das nenas premonitoras, a do frechazo recíproco e real ou a dos "jóvenes líderes"- era certo, resulta que por vía dixital, co transporte máis rápido que nestes intres hai, é dicir por Whatsapp, dende máis alá do Padornelo e mesmo da Meseta, recibín o libriño completo coas súas 259 páxinas e un agradecemento implícito de limiar: "Gracias por adquirir este ebook. Visita Planetadelibros.com y descubre una nueva forma de disfrutar de la lectura".

E velaí como nos próximos días acabarei aparcando outras lecturas xa iniciadas para facerlle tempo ó oficio de destripar –xa con lectura continuada- este "Manual de resistencia pirata" que ocasional e virtualmente acabou caendo nas miñas mans e comprobar, finalmente, se tan anunciado cesarismo e tanta egolatría e capaz de caber no corpo dun só home, por máis que o home sexa “Yo, Pedro”.

Te puede interesar