Opinión

Mapas recortados

Ovello amigo e non menos veterano compañeiro de columna, Afonso Vázquez-Monxardín levou hai uns días á rede unha reflexión certamente interesante, que debería facer pensar ós que por "h" ou por "b" se dedican ó deseño da cartografía como elemento de apoio a informacións de carácter social, xeográfico, político ou mesmo climatolóxico e que cando utilizan dun xeito máis concreto o mapa de España adoitan presentalo sen o territorio veciño e irmán de Portugal.

Non lembro con qué motivo, nin tampouco é substancial para o que vou escribir porque seguramente igual có mapa co que el ilustrou a súa reflexión mural poderíanse tomar ducias e ducias de exemplos que nos axudarían a visibilizar meridianamente o que Vázquez-Monxardín pretendeu exhortar, pero o caso é que coa intelixente rexouba que o caracteriza, púxose na situación de que realmente a terra tocase mar xusto porque os cartógrafos dixitais recortan o mapa, concluíndo que se cadra dende Olelas -poño eu por caso- espreitaríase un espectacular cantil, mentres o Limia debuxaría unha non menos fermosa ría e a Illa ou Compostela -a de Lobios, non a de Santiago- gozarían duns brancos areais que nos encherían a comarca de turistas.

Non lembro os casos concretos que inseriu el, pero foron suficientes para provocar un longo rosario de comentarios adxacentes que ían sempre na mesma liña da aberración socio-xeográfica que supón, por exemplo, que na información do tempo poñan unha nube no Condado de Padrenda e non se vexa, digamos, Melgaço onde, con total probabilidade, acabará chovendo tamén.

É posible que nestes mesmos intres algún dos que me lean -non sei vostede- estea pensando: "Menuda parvada, iso non deixa de ser unha simple anécdota porque todos sabemos que o mapa non remata aí!" E non lle faltará razón. Claro que é unha anécdota! Pero unha anécdota que non axuda absolutamente nada á normalización da nosa relación cotiá entre ámbolos dous países.

E para mostra un botón. Ou dous...: Dende a miña vila ata Braga hai máis ou menos a mesma distancia ca dende o mesmo punto ata Compostela. E dende o mesmo lugar a Porto hai 25 quilómetros menos que A Coruña. Isto quere dicir que se eu quixera ir mercar un moble deses automontables ó Ikea, quédame bastante máis á man o de Matosinhos có de Marineda City. Por qué, entón -pregunto-, eu podo ver na televisión se vai chover ou vai facer sol na cidade de Hércules ou sobre os tellados da catedral compostelá e teño que ir consultar a Rede, sen embargo, para ver se podo dar un paseo sen enchumbarme polas rúas do casco vello bracarense ou pola Ribeira de Porto. Por que? Pregunto.

Te puede interesar