Opinión

Marcha, que me comprometes!

En tempos de convulsión social e mesmo de perigo de involución coma estes polos que andamos a transitar, non está de máis que de cando en vez reparemos nas pequenas cousas dun tempo pasado que con demasiada frecuencia -os seres humanos somos así- estamos condenados a repetilas.
Ó longo do saída de porto da Fundación Carlos Velo presidida pola magnífica exposición fotográfica que aínda se pode contemplar esta fin de semana no Centro Cultural Marcos Valcárcel, teñen sido varios os actos que trouxeron de novo á actualidade a este ourensán de Cartelle, pioneiro do documental na República e paradigma do cine mexicano da segunda metade do século XX.

O primeiro, foi co gallo da presentación do catálogo da exposición que lle dará permanencia no tempo a esa sorte de mirada retida do pobo natal de Velo, que constitúe a exposición, cando gozamos novamente do pracer de deixarnos abrazar por esa franxa de imaxes conxeladas que nos descubriron a un fotógrafo con alma. E o segundo foi nantronte no Liceo de Ourense, onde tamén nos recreamos cun vello documental -que tamén agora volve á vida- e que a través do ensarillado guión organizado pola súa neta Laura Gardos Velo, o propio Carlos Velo fai un relato dos moitos pormenores da súa andaina vital, tanto aquí coma no exilio e tanto a nivel profesional como simplemente familiar ou humano.

Pois ben deste segundo rescata para miña memoria a frase que sostén en titular esta columna. Impertivo este que en tan só catro palabras resume a traxedia de portas adentro que viviu a sociedade galega cando estoupou nas súas entrañas o decreto da guerra do 36.

"Marcha, que me comprometes!" Así foi como o proxenitor de Carlos Velo despediu ó seu fillo, nun trasunto de desgarro familiar, coma quen lle furta a un a pel a tiras, un día calquera na aldea de Cartelle, onde o pai oficiaba de médico e onde el acudira á procura da tranquilidade rural, cando no resto do seu mundo a xente comezaba a morrer dentro e fóra das barricadas.
Case trinta anos tiveron que pasar para que o cineasta fose quen de borrar dos seus miolos aquela despiadada exhortación patriarcal e volvese poñer os pés en Cartelle.

"Marcha, que me comprometes!" Que lle ten que pasar a un home pola súa cabeza para expulsar así ó seu fillo do casal familiar? Que mareantes remuíños de sombras teñen que xirar arredor de un para ser capaz de pronunciar tan curtas, pero impresionantes palabras?...
En fin. É duro, pero é así. Mellor dito, foi así. Por iso é tan importante manter acesa a memoria histórica do país. Para sabermos que baixo que condicións estamos condenados a repetila.

Te puede interesar