Opinión

Martín Códax é un viño

Teño eu un amigo canario, eminente historiador, cronista de Telde, gran coñecedor da Península Ibérica polos atallos e polo tanto da nosa diversidade social, cultural e literaria -pero sobre todo, mellor persoa-, que dende hai moitos anos alimenta o bo costume de tomar tódolos días, como aperitivo matinal, un vaso de albariño Martín Códax, coleccionando, ademais, os corchos das botellas que vai baleirando paseniño, ata o punto de ter pensado algunha vez remitirllas ós colleiteiros para facerlles saber ata que punto nos confíns do territorio hispano hai alguén que mantén tamaña fidelidade co seu producto.

Lembreino esoutro día cando fun visitar o para min mal denominado "Pergamiño Vindel" que se amosa esta tempada no vello matadoiro vigues, agora transformado nun ben dotado museo do Mar que paga a pena visitar, estea ou non estea nel o -repito- mal chamado "Pergamiño Vindel".
Se vostede está máis ó menos ó tanto dos trobadores medievais galegos, saberá que o tal pergamiño non é nin máis nin menos ca un manuscrito do século XIII que recolle sete cantigas de amigo -coa súa música correspondente- que fan alusión repetida ás ondas do mar de Vigo e que foron escritas por un tal Martín Códax, sobre o que agora tamén se pensa que puido ser unha muller.

E lembreime del, non tanto porque para o meu amigo Antonio, Martín Códax sexa un viño, xa que logo eu sei que coñece abondo a poesía medieval galego-portuguesa, comezando polas cantigas do sabio rei; senón porque se despois do próximo día 4 de marzo -que é cando pecha a mostra e o pergamiño inicia o camiño de volta para a prestixiosa sociedade americana que o custodia- fixeramos unha enquisa polas rúas do paseo das sete grandes cidades galegas -e non digamos xa por unha manchea de vilas repartidas polas catro provincias-, estou seguro de que, á pregunta de se saberían dicir que é o "Pergamiño Vindel", unha altísima porcentaxe non sabería nin responder, mentres que se lles preguntaramos quen é Martín Códax, outra porcentaxe semellante, estou seguro de que respondería o que xamais o meu amigo Antonio ousaría responder: É dicir, que é un viño.

Non me dá o espazo que me resta para explicar por que lle chaman "Vindel" a un manuscrito poético de hai oito séculos, perfectamente identificado co nome do seu autor -ou autora- Martín Códax, pero creo sinceramente que os eruditos non lle fan ningún favor á súa popularización ó identificalos co nome dun libreiro que tivo a sorte de atopalo no forro dun libro e logo a pericia e o bo facer -é certo- de interesarse pola súa autenticidade e conservalo ata que o vendeu.
Non me dá o espazo para iso. Pero si para dicir que me emocionou velo, sobre todo, estando rodeado -como está na mostra- dunha selecta colección artística ourensá que contextualiza a exposición no século XIII e que lle recomendo encarecidamente ver.

Te puede interesar