Opinión

Metropoli... Qué?

Leo que reina clima de consenso no reiniciado deseño do transporte público que coordinará a comunicación de ida e volta entre os municipios que limitan polos catro puntos cardinais coa capital e o transporte urbano.

Leo iso e felicítome por elo, porque son consciente -cousa que teño repetido por activa e por pasiva- que no desenvolvemento con éxito dun programa marco estratéxico sobre a comunicación do transporte público en todo o mapa social galego asenta boa parte das garantías de futuro desta Comunidade tal e como a coñecemos hoxe en día.

Leo iso e como seguro que xa se decatou, benqurido e perspicaz lector, fuxín de mentar o concepto que dende hai anos se ven utilizando para definir o proxecto do transporte público do que onte informou cumpridamente este xornal e me serviu a min de base para embeleñar esta reflexión.

E non o utilicei porque, sinceramente, paréceme que na propia elección do nome do proxecto radica unha das causas principais do seu fracaso de planificación.

Define, o dicionario da RAG, a palabra "metrópole" na súa primeira acepción, como "cidade grande e importante no aspecto político e económico", e pon como exemplo clarificador "Nova York é unha metrópole dos Estados Unidos".

Cunha imaxe dos arrabaldos da Gran Mazá como referencia visual, fáiseme a min, pois, tremendamente complicado extrapolar a este lado do Atlántico conceptos periurbanos semellantes e, polo tanto, saber que é o que están a negociar os representantes municipais dunha cidade de cen mil habitantes cos seus colegas de media ducia de pequenos concellos que en só un caso superan os dez mil habitantes, cando se poñen a falar do "transporte metropolitano".

E dirá vostede que se cadra estoume poñendo un pouco exquisito coa sintaxe e mesmo co valor con- ceptual das palabras. Pero non.

Non, porque os conceptos son importantes. Poño por caso, non é o mesmo facer un trato arredor dun burro ca dun cabalo porque a contía económica que media no mesmo é significativamente diferente.

E, do mesmo xeito, non é mesmo falar de trans- porte metropolitano ca da comunicación do resto da provincia coa capital porque a perspectiva muda diametralmente. E se a perspectiva mudase diametralmente, se cadra habería que empezar a colocar por riba da mesa conceptos radiais entre os munici- pios das distintas comarcas coa cabeceira comarcal... E das distintas cabeceiras comarcais coa cidade de Ourense... E da redifinición do servizo público que ofrecen os taxis no medio rural... E así probablemente poderiamos comezar a artellar de vez o sistema de vasos comunicantes que tanto precisa esta Galicia vella e rural para sobrevivir outras mil primaveras máis. 

Te puede interesar