Opinión

Monumentos urbanos

Hai dous monumentos urbanos -mellor dito, catro- en Galicia que forman parte das miñas preferencias artísticas e que considero que deberían seren bens a protexer dos andazos mobilizadores dos que, de cando en vez, se ven afectados algúns histriónicos mandatarios municipais por esa teima que adoitan teren de quedaren para o futuro máis presentes no municipio que gobernan, cás propias esculturas ás que de contado vou facer referencia.

Dúas delas están na cidade da Coruña e as outras dúas na cidade de Vigo. Dúas delas son en pedra e as outras dúas en bronce fundido. E dúas delas son de autores pontevedreses, mentres que as outras dúas son de escultores da  nosa provincia.

É certo que a ecuación non é doada de resolver cos datos que acabo de expoñer, porque son lexión os grandes e pequenos monumentos que se atopan repartidos polos catro puntos cardinais de Galicia.

Algúns -moitos-, pola súa calidade artística, a súa ubicación e a súa aceptación popular deberían seren merecentes de formaren parte dun verdadeiro catálogo excelso de escultura urbana de Galicia, mentres que outros -estou pensando, por exemplo no Sireno da Porta do Sol olívica ou no pontillón da rotonda suburbana da ponte do milenio ourensá- deberían pasaren a mellor vida para non continuaren meténdose coa sensibilidade artística dos milleiros de viandantes e conductores que se cruzan con eles cada día.

Velaí, os catro monumentos que para min forman parte do cadro de honra da escultura urbana de Galicia: O monumento a Curros situado nos Cantóns da Coruña, obra de Francisco Asorey. O impoñente Breogán que Xosé Cid contrapuxo sen complexos contra toda unha torre herculina. Os cabalos da Praza de España viguesa, que desafían á gravidade e saúda ó visitante con elegante, pero respectuosa, actitude fachendosa, obra, neste caso, de Juan José de Oliveira, a dicir de Méndez Ferrín, o escultor que mellor transformou en arte a figura mitolóxica dos equinos. E, como non, o denominado monumento ós "redeiros", situado no fondallo da Gran Vía, tamén viguesa, e obra dun aínda novo Ramón Conde, que expresa con luxo de detalles e coma se fose un fermoso dinamómetro humano, a forza vital e a estética do esforzo que sen dúbida teñen os homes do mar, ós que o escultor ourensán "retratou" en postal tridimensional como ninguén -coido- tiña retratado.

Agora disque ó alcalde vigués seica se lle deu por trasladalos para non se sabe onde, co fin, seica, de colocar unhas cintas transportadoras que lle faciliten a andaina ó turisteo e á veciñanza viguesa.

Dende hai uns días está aberta en "change.org" unha campaña de sinaturas dirixida ó inefable cabaleiro vigués, para que non execute a retirada dun monumento tan fermoso como identificado con Vigo. Eu xa a asinei. E non por corporativismo provincialista, senón porque o monumento de Ramón Conde forma parte, por dereito propio e con fortaleza e harmonía, da paisaxe urbana de Vigo, mentres que, mal que lle pese, o actual alcalde non pasará de ser unha anécdota -un tanto histriónica, é certo- nun suspiro da historia olívica.

Te puede interesar