Opinión

Multiusos

Voulle confesar unha teima persoal. Sei que non é soamente miña. É máis, creo sinceramente que forma parte do adn galego. Polo menos, do adn máis antropolóxico.

Vou alá: Resulta que cando algún trebello se fai vello e deixa de funcionar, teño o costume de desmontalo e mirarlle as "tripas" co fin de coñecer mellor os seus principios de funcionamento. E cando vou facendo iso, sempre acabo gardando os parafusos, algún que outro molle ou calquera outra peciña que seguro que me valerá para algún arranxo futuro e inesperado e me saque dalgún apuro momentáneo se algún outro trebello deixa de funcionar.

É certo que en máis dunha ocasión téñenme valido de algo, aínda que, se lle son sincero, se fixera cálculo da porcentaxe estou certo de que non pagaría a pena coleccionar tanta cacharrada para tan pouco resultado. Pero bueno..., en canto teña onde gardalos...

Non chego, pois, ó nivel de colocar unha vella taza do water como floreiro no patio, nin o somier da cama como peche da porta, pero son consciente de que -en dose mínima- formo parte desa sociedade galega que nos sentimos a gusto fedellando con -ou en- trebellos -ou espazos- multiusos.

Abonda con darlle lectura cotiá a este mesmo xornal para atopar, día sí e día tamén, informacións que falan da necesidade de arranxar o tellado do "multiusos", dotalo dun pequeno escenario para as obras de teatro, isonorizar as paredes un pouco para que non se escoiten as gaitas mentres as mulleres dan clases de "macramé" ou de bolillos, etc., etc.

É dicir que non hai parroquia (un programa da TVG que amosa a vida nas aldeas ten un completo catálogo) que non se prece de ter un "multiusos" no antigo edificio da escola unitaria, na vella cámara agraria ou nunha levantada de nova planta con perpiaños de granito rosa Porriño e aluminio lacado, "que é para sempre e non o hai que repintar".

Agora leo que nos Blancos elevaron o concepto de "multiusos" á categoría do transcendental e seica van utilizar o seu para "casar" a chegada de non se sabe onde coa partida para o máis alá, co fin de promover a convivencia e normalizar a relación -hai psicólogos, educadores e mesmo sociólogos que avogan por iso- da vida coa morte dende a máis tenra infancia, de forma que os nenos e as nenas acaben asumindo para cando teñan idade, o feirón que se monta arredor dos velatorios, mentres os afectados choran -ou renegan- en silencio sobre o morto no interior do local.

Non digo eu que os mortos sexan contaxiosos e poidan traspasarlle algunha enfermidade ós nenos durante as horas regulamentarias que os cadaleitos pasan no devandito local. Nin moito menos.

Pero, home! Estou seguro de que a nada que entre todos remexeran un pouquiño máis os miolos, malo sería que en todo o municipio non aparecese outro máis axeitado lugar.

Te puede interesar