Opinión

"No es farol"

Leo, no sumario da xuíza de Lugo (creo que é máis acaída a denominación), unha das últimas pingas -que non a derradeira- que o bandullo da operación vai perdendo de cando en vez polas redaccións para ir alimentando cada cando a fame cotiá dos medios de información, que o día 24 de setembro de hai dous anos -cando o alcalde electo de Ourense coñecía xa o sabor acedo da soidade imposta-, que o daquela secretario xeral do seu partido envioulle unha mensaxe telefónica á súa compañeira na que lle dicía (deduzo que en castelán) o que segue: "Mercedes, me comunican que si Paco no anuncia la dimisión en una hora el partido lo expulsa a él y a Liñares, que lo acaban de ingresar en prisión. No es farol"

Lido isto, son moitas as conxeturas, análises e reflexións que se poderían facer, tanto desta coma doutras moitas mensaxes que transcenderon nesta fin de semana e que en liñas xerais continúan referendando o que hai ben tempo que eu veño pensando (e que me disimule a xuíza) respecto desta operación. É dicir, que nesa causa xeral contra a acción política que se está seguindo fronte ós da banda de Laíño e ós da banda de Lestrove, están pechando tanto a malla da rede que cando queiramos darnos conta non vai pasar pola peneira nin a propia acción dos xuíces, xa que logo, tamén os xuíces viven neste mundo -aínda que por veces semelle outra cousa- e teñen amigos e familiares cos que manteñen relacións, de palabra, de obra e de omisión que, sacadas de contexto e colocadas en versión resumida nun medio de comunicación, estou seguro de que lle poderían sacar os colores a calquera. Ou non?

Poderían ser moitas as perspectivas dende as que mirar esta nova remesa. Pero eu voume quedar coa frase que culmina o relato de Pachi Vázquez: "No es farol".

E voume quedar con ela porque vista así, descontextualizada e con dous anos de carencia, semella facerlle unha moción á totalidade do discurso aparentemente coherente e crítico que o PSOE galego mantén respecto de moitas cuestións.

Porque facer reafirmación dunha obviedade desvela que ou ben noutras conversas a súa interlocutora -ou o destinatario da súa mensaxe- tomaron como "farol" as súas palabras, ou el mesmo lanzou máis dun "farol" nas disputas políticas que mantiveron na distancia ámbolos dous.

Asegurar que unha cousa "no es farol" explicita de forma implícita que é posible que noutras ocasións houbese por parte do emisor da mensaxe lanzamento de "farois". E iso lévame a unha triste conclusión: Por desgracia, a política é de seu -toda ela- un incongruente e insubstancial farol.

Te puede interesar