Opinión

No te hagas la víctima!

Retomo a crónica escrita o pasado domingo  dende Barcelona, para ir poñéndolle, cando menos, punto e seguido a un asunto que nos ten desasosegado a moitos, sexamos ou non cataláns, pero ó que lle vai haber que ir poñendo o ramo se non queremos acabarmos todos na demostración final da redución ó absurdo ó que se están achegando seguindo paso a paso unha fórmula exponencial, os responsables últimos da Generalitat.

Retomo as miñas palabras xusto na parte final da crónica, onde me refería ó debate educado e silencioso que mantiñan ó meu carón un pai e unha filla, nun bar de tapas onde por casualidade eu me acheguei para xantar algo unha vez rematada a manifestación convocada pola Sociedade Civil Catalá. E fágoo para pechar o círculo, consciente de que haberá algúns que ó comezar a ler a columna, pensará: "Pero xa está este outra vez co asunto catalán! Non terá máis asuntos que tratar...!"

Estaba eu, caladiño e co oído atento a todo canto me podía chegar da conversa entre o pai e a filla, cando entraron no pequeno comedor do local dúas parellas próximas ás catro décadas, coas súas bandeiras, señeiras e españolas, abordando algúns dos pormenores da concentración na que tamén acababan de participar, quen sabe se por primeira ou segunda vez nas súas vidas, porque non se lles vía moita pinta de seren asiduos a este tipo de chamadas de carácter reivindicativo, xa fose político ou institucional.

Falaban do tratamento informativo que lle estaba dando a canle autonómica de televisión -que reproducía o televisor- á manifestación e de como a seguir reaccionaría o ata o día anterior presidente da Generalitat e o seu goberno, ademais dos representantes dos outros partidos políticos que apoiaron a deriva que acabou por espertar a unha parte da sociedade catalá que dun xeito máis ou menos irresponsable chegou a pensar que iso dos devezos de independencia non ía con eles porque iso non formaba parte da sociedade real, senón soamente da clase política e pouco máis.

Falaban diso, ata que unha delas mentou a unha das súas amigas activa militante desa banda da "rambla" dende había tempo e que agora -dicía ela- habería estar cun importante baixón de moral.

Sentíase como liberada no seu xeito de falar. Expresaba o seu parecer con tranquilidade e sen acritude aparente, relatando cal fora a causa que a decidira a deixar de militar na denominada Cataluña silenciosa, non tanto na rúa, senón incluso no seu entorno convivencial. Foi –dixo- cando ó comezar a queixarse do fastío que lle producía que houbese soamente unha verdade obxectiva, a súa amiga independentista seica lle espetou con aceno supremacista: "Mujer! No te hagas la víctima!".

Te puede interesar