Opinión

Non se celebraba nada en Faramontaos

Non era a primeira vez que acudía alí. Se o "google" non me minte, a última -cando menos de pé feito- debeu ter lugar no ano 2009, logo de que un ministro cuxo nome non lembro, afirmase que a parella de asasinos de Miguel Ángel Blanco tiñan unha serie de dereitos garantidos pola lei, que lle permitían celebraren un encontro "vis a vis" que suscitou un debate público e político de escumosa marusía.

"Os dereitos de Miguel Ángel", titulei daquela (27 de abril) esta mesma columna, na que, exercendo unha especie de columnismo-ficción, lle emprestei a voz ás cinzas do mozo asasinado para perguntarlle de forma retórica ó señor ministro onde era que estaban os seus dereitos dende que fora dado á terra, primeiro no camposanto de Ermua e logo, definitivamente, no de San Xes de Faramontaos.

Hoxe -onte para vostede- ó saír dunha charla impartida por dous youtubers no marco da ICCWeek e ler nun xornal dixital unhas declaracións dun avogado sudafricano chamado Brian Currin que cualificaba como "xornada de celebración" o acto desenvolvido no municipio francés de Cambó no que volveron pintar unha vez máis -esta vez con tinta indeleble, seica- o punto final do epílogo de ETA, lembrei a "Bittori", a protagonista do descarnado retrato literario de Fernando Aramburu, "Patria", e salvando as distancias, decidín dar os mesmos pasos ca ela, aquel día de 2011, ata o sepulcro do seu home para informalo da decisión tomada polos asasinos, e andar eu tamén o camiño dende Ourense cara o camposanto de Faramontaos co fin de comprobar se, tal como asegurara o ilustre letrado africano, Miguel Ángel Blanco tiña algo que celebrar.

Non me deu a sensación de tal. A mesma foto sobre a pedra pulida e gris da campa. A mesma calma vespertina, só fendida polo trino ocasional dalgún pardau. O mesmo cuco ó lonxe. O mesmo conxunto escultórico que Xosé Cid ideou extramuros, co bronceado busto do infortunado concelleiro no alto da peza granítica e o pobo unificado na figura humana sedente, representando a compaña permanente que a democracia lle debe á memoria do mártir. En fin..., a mesma paz abrigada arredor dun silencio impoñente que contrastaba, sen dúbida, coa "celebración" pretendida no escenario euskaldún ó outro lado da raia.

Non. Definitivamente, non se celebraba nada en Faramontaos, porque nada había que celebrar.

É certo que algunhas cousas mudarán a partir de agora. Mudará paseniñamente -xa o está a facer- a tranquilidade social. E mudará tamén o silencio dos que non falaban porque agora si que van poder falar.

E en Ourense debería mudar a memoria de Miguel Ángel, xa que logo, o seu martirio merece moito máis ca un simple seminario de verán dun partido político. Merece que toda a sociedade saiba que nunha aldeíña de Ourense descansa a razón de ser de tan desexado punto final.

Te puede interesar